DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mantiveron unha xuntanza co vicerreitor de Relacións Internacionais e os responsables da escola

Empresas australianas recrutan no campus enxeñeiros de minas

Buscan recén egresados dispostos a traballar en países como Australia, Mongolia, Arabia Saudí e Marr

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 31/07/2012
“En este momento hai un boom económico na industria mineira do noso país e moitos dos proxectos que xorden non se poden levar a cabo debido á falta de enxeñeiros e xeólogos”. Son declaracións de Alexandra Rapcea, responsable de selección de persoal de John Davidson & Associateds Pty Ltd, JDA, unha empresa australiana do grupo Applus especializada en recrutamento de persoal no sector mineiro. Esta semana visitou o campus de Vigo para coñecer máis de preto a ETS de Enxeñaría de Minas e manter unha xuntanza cos seus responsables co obxectivo de establecer os procedementos e os contactos para facilitar a contratación de recén egresados da escola viguesa por empresas mineiras de todo o mundo, “fundamentalmente de Australia, Nova Caledonia, Mongolia, Arabia Saudí e Marrocos”, subliñou.

Durante a reunión, á que asistiu tamén o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, os representantes da empresa subliñaron que só en Australia hai preto de 45.000 vacantes para enxeñeiros de minas e só hai dispoñibles 9000 graduados das universidades australianas, de aí a busca de profesionais cualificados fóra das súas fronteiras. “As empresas mineiras globais valoran moi positivamente a formación e a calidade dos enxeñeiros de minas españois e os titulados da Universidade de Vigo están entre as súas prioridades”, subliñou o vicerreitor de Relacións Internacionais, que explicou que o Centro de Linguas facilitará a obtención da acreditación IELTS de competencias en inglés, certificación que normalmente é requirida en Australia para os traballadores estranxeiros, por parte dos candidatos da Universidade de Vigo.

Dobre titulación con universidades australianas

Dende a ETS de Enxeñaría de Minas asistiron á xuntanza o director e o responsable de Relacións Internacionais do centro, Pedro Arias e David Patiño, que subliñaron que na actualidade a escola conta con egresados repartidos polos cinco continentes, “algún deles xa en Australia”, destacou Arias, ao que engadiu que “temos moitos enxeñeiros de minas da escola traballando en Sudamérica e espallados por toda Europa e, aínda que polo momento en menor medida, tamén en África e no Golfo Pérsico”.

Aproveitando esta xuntanza dende a empresa comprometéronse a facilitar os contactos e promover a definición de dobres titulacións en enxeñaría de minas coas universidades australianas, algo que, segundo explicou o vicerreitor de Relacións Internacionais, é factible xuridicamente aínda que é algo que está supeditado a que exista unha mínima equivalencia entre as competencias desenvolvidas por ambas titulacións. “A chave está en que os académicos que imparten ditas titulacións acorden qué estudos hai que completar en ambos países para garantir que os alumnos cobren os requisitos mínimos legais para estar en condicións de que se lle expidan ambos títulos”, explicou o vicerreitor, que anunciou que en breve se establecerán contactos coas universidades de Curtin e Queensland para estudar dita posibilidade.

Unha realidade con dobre cara

Á pregunta de si son habituais este tipo de encontros, o director da escola subliñou que está sendo máis habitual “incluso do que sería desexable”, en referencia a que si ben é positivo que empresas de todo o mundo estean interesadas na contratación dos egresados vigueses non deixa de ser “preocupante”, o elevado número de titulados que cada vez máis atopan o seu futuro profesional no estranxeiro. “Nos últimos meses xa tivemos varias chamadas deste tipo, principalmente de Noruega pero tamén de Australia”, subliñou.

En canto á resposta do alumnado a este tipo de iniciativas, Pedro Arias destaca que si ven en principio hai receptividade cara ao tema de traballar noutros países, tal como se reflicte no incremento constante do número de solicitudes para participar no programa Erasmus, “á hora da verdade, cando chega o intre de coller a maleta e marchar a traballar a outro país, sabendo que non é só para uns meses, é cando chega a sensación de sacrificio”.

Pese a todo, Enxeñaría de Minas segue a ter unhas boas taxas de empregabilidade, un feito que o director da escola relaciona con que é unha titulación non masificada, é dicir, o número de titulados que finaliza cada ano non é tan alto como noutras, circunstancia que facilita a súa entrada no mercado laboral.