DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foro 'Emprender e dirixir en feminino. A muller emprendedora e directiva no escenario 2.0'

As empresas creadas por mulleres duran un 30% máis e sobreviven mellor á crise económica

Segundo os datos da Rede Mentoring elas só ocupan o 20% dos postos directivos cando traballan por co

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 14/12/2011

O 60% dos titulados universitarios son mulleres e, na maioría dos casos, con mellores expedientes académicos. Sen embargo, todo ese “potencial” non se traduce nun maior emprendemento empresarial, sobre todo cando o campo do que se fala é o das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), onde a porcentaxe de alumnas que rematan unha carreira técnica se reduce ata o 33% e só o 10% se atreve a crear o seu propio negocio. Todos os porqué desta situación son os que se analizaron no foro Emprender e dirixir en feminino. A muller emprendedora e directiva no escenario 2.0, organizada por Ineo e BIC Galicia na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, onde empresarias contaron de primeira man as súas experiencias “a peito descuberto para tentar descubrir porque non vemos o emprendemento como unha saída laboral, se por medo, porque nos impoñemos máis restricións ou porque somos máis conservadoras. Trátase de que sexan outras mulleres que xa deron o paso as que nos digan que si se pode, que non é tan complicado, para que de aquí saian empresas TIC lideradas por mulleres”, recordou Lucía Gregorio, directora xeral de Ineo.

Datos obxectivos

Nun momento no que o sector TIC é vital como ferramenta para o crecemento e a excelencia empresarial, sorprende a escasa presenza feminina na creación de empresas tecnolóxicas en Galicia segundo datos da Rede Mentoring, un espazo impulsado por BIC Galicia na que profesionais expertos e líderes en xestión fan de mentores dos máis novatos. As estatísticas demostran que as empresas creadas por elas duran un 30% máis e que sobreviven mellor á crise económica, pero que sen embargo só catro de cada 10 iniciaticas levan nome de muller. Unha reducida presenza no mundo empresarial que comeza nas aulas, xa que só o 24% dos titulados no ámbito TIC é muller, das que só unha de cada tres se anima a iniciar a súa propia aventura empresarial.

Como traballadoras por conta allea as cousas non pintan mellor: só o 20% dos postos directivos están ocupados por mulleres xa que se produce o denominado efecto tesoira, polo que a presenza feminina vai reducíndose a medida que se vai chegando aos postos máis altos. “Ninguén obvia que existe unha desigualdade de xénero no sistema, os datos o demostran, pero todos temos que colaborar para cambiar a situación. A representación de mulleres nos ámbitos da investigación, a ciencia e a tecnoloxía ten que ser unha prioridade das políticas públicas, non podemos malgastar o capital potencial das mulleres”, subliñou Susana López, secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

A ciencia, polo mesmo camiño

A situación que denunciaron institucións e empresarias no foro celebrado na EE de Telecomunicación exténdese a outros ámbitos como a investigación, onde a taxa de abandono da carreira profesional é máis alta nelas en gran medida por culpa da conciliación. A proporción de investigadoras de menos de 35 anos fronte á de investigadores é do 63,3%, representando “máis da metade do persoal dedicado a I+D+i ata esa idade”. Pero as tornas cambian a partir dos 36 anos, momento no que as mulleres perden peso numérico. Os roles marcan a predisposición delas a deixalo todo pola familia: o 38% das mulleres cree que podería atoparse na necesidade de abandonar a súa carreira por maternidade, mentres que a paternidade só condiciona ao 7,3% dos homes. “Esta realidade ten moito que ver coa segregación por sexos existente en determinadas áreas de coñecemento, uns roles que se seguen mantendo na educación primaria e secundaria e que temos que intentar modificar”, recordou López.