DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As empresas do sector marítimo coinciden en salientan a importancia da formación no campo da loxística

Na presentación do 4º Curso de Loxística do Transporte Marítimo organizado polo Departamento de Dere

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Sara Alcázar DUVI 27/01/2010
O peirao de trasatlánticos do Porto de Vigo acolleu este mércores a presentación do 4º Curso de Loxística do Transporte Marítimo e resultou ser un emprazamento idóneo para dar a coñecer os contidos e finalidades do mesmo. Ao acto de presentación acudiu a presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo, Corina Porro, que salientou a grande importancia deste curso, organizado polo Departamento de Dereito Privado da Universidade e promovido pola asociación de empresas Logidigal, para achegar melloras ao sector marítimo nunha cidade cunha grande actividade portuaria como Vigo. “Coa autopista do mar e o crecemento do fluxo de mercancías a través deste medio xorde a necesidade de reforzar as conexións e estimular o crecemento do Porto de Vigo con infraestruturas portuarias adecuadas que dean resposta ás necesidades reais para facelo máis competitivo” afirmou Porro. O acto de presentación tamén contou coa presenza de Juan Martínez, presidente de Logidigal, que puxo de manifesto a relevancia do curso polas saídas profesionais que proporciona, destacando a importancia da formación en loxística dos empregados “nun sector que conta con 75.000 postos de traballo”, segundo afirmou Martínez, que fixo fincapé en que “hoxe, ningunha empresa deste ámbito pode prescindir da loxística”. Para rematar, o director e coordinador do curso, Francisco Torres, fixo unha breve introdución dos contidos a tratar nesta cuarta edición, ao tempo que avaliaba o éxito acadado en anos anteriores, polo que, segundo Torres, “pode que nun futuro este curso poda converterse nun posgrao grazas ao apoio incondicional que recibe”. O curso, que nesta cuarta edición conta xa con 20 inscritos, entre os que se atopan estudantes, titulados e profesionais do sector, achegará aos matriculados os principais coñecementos sobre a loxística do trasporte marítimo “co obxectivo de completar a formación dos que se inician neste sector e actualizar os coñecementos dos que xa o coñecen” argumentou Torres.

104 horas de formación teórica e práctica

A Escola Universitaria de Estudos Empresariais de Torrecedeira é o centro elixido para impartir este curso, que se desenvolverá entre os meses de febreiro e maio. As materias estarán estruturadas en 11 módulos, un máis ca o ano pasado, centrados nas principais cuestións xurídicas e económicas do trasporte marítimo e repartidos á súa vez en 104 horas lectivas, das que 44 son teóricas e 60 prácticas, convalidables por créditos de libre elección para os estudantes universitarios. As clases terán lugar os venres pola tarde e os sábados pola mañá e serán impartidas por profesores da Universidade e expertos do sector “proporcionando aos alumnos unha formación variada que valoran moito”, segundo argumentou o director do curso. Entre os contidos do programa atópanse dous módulos introdutorios sobre as principais características da contorna portuaria, lugar no que se desenvolve a actividade, así como os diferentes tipos de buque, como principal medio de navegación. Tamén se impartirá un módulo dedicado á dirección, que abordará os diferentes tipos de empresas e as súas estratexias competitivas. Pero os contidos máis relevantes do curso desenvolveranse nos módulos baseados nas cuestións económicas e xurídicas do transporte marítimo, que conforman o groso da materia e que estarán complementados con contidos adicionais, pero igual de importantes, centrados no trasporte marítimo e por carretera, o comercio exterior e a fiscalidade e, por último, no trasporte de contenedores e seguro de buques e mercancías. Paralelamente, os matriculados completarán a súa formación con visitas de campo a empresas do sector, “onde os matriculados terán a oportunidade de comprobar in-situ as actividades desenvolvidas no ámbito marítimo”, declarou Torres. Entre os lugares escollidos para tal fin atópanse un estaleiro e os portos de Vigo, Leixões e Vilagarcía, incluído por primeira vez no programa de saídas.

Inscrición e matrícula

Para os interesados no curso, o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 3 de febreiro a través de Bubela e a matrícula poderá formalizarse do 4 ao 11 dese mes. O curso ten un custo de 400 euros pero existe unha convocatoria de axudas proporcionadas pola Universidade, consistentes en cinco bolsas de 100 euros para os estudantes.