DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Última xornada do curso ‘Unión Europea e menores’, ao abeiro do Módulo Jean Monnet

O encerro non sempre é a solución para os menores que delinquen

Se non se interna ao delincuente da a sensación de que “saíu impune”, asegura a profesora Marta Garc

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 24/06/2011

A última polémica producíase hai apenas uns días, cando O Cuco, acusado de cómplice da morte de Marta del Castillo cando era menor, quedaba en liberdade vixiada tras cumprir 28 meses de encerro nun piso tutelado. Ese regreso a casa exemplifica á perfección esa sensación xeralizada de que “se non hai prisión hai impunidade, cando hai outras penas e medidas alternativas máis positivas que o internamento, sobre todo cando falamos de menores”. É o que explicou Marta García, profesora de Dereito Penal da Universidade de Vigo e unha das encargadas de participar na última xornada do curso Unión Europea e menores: desafíos do espazo de xustiza, organizado ao abeiro do Módulo Jean Monnet. A profesora fixo un repaso polas diferentes penas sen ou con privación de liberdade, un extremo que no caso dos menores está reservado só para delitos graves, realizados con violencia ou en grupo ou pertencendo a unha banda organizada.

Para García, esa pena máxima de internamento cerrado, “a pena estrela”, ten máis efectos negativos que positivos para o menor, xa que o separa da súa contorna, non permite unha socialización normal e frea o desenvolvemento persoal dos rapaces e rapazas, xa que “a preocupación do menor por adaptarse ás normas do centro pode confundirse con evolución cando ao mellor só é unha adaptación simulada”. Cun horario estrito con franxas horarias curtas para que “non poda desenvolver a súa autonomía”, a profesora asegura que neste ambiente o menor non asume responsabilidades porque toda a súa conduta está pautada de antemán polo que os internamentos longos non son útiles. “O que non se consegue nun espazo cerrado nun ano non se vai conseguir en cinco”, subliña.

A liberdade vixiada, a traca final

O réxime semiaberto tampouco é unha boa opción para García, xa que a lei permite que se transforma nun internamento pechado se o xuíz considera que o menor non evoluciona favorablemente, convertendo ao mozo ou moza no único culpable do fracaso sen ter en conta se o ratio de educadores é o axeitado, por exemplo. “Hai que estar un pouco miope para non ver máis aló e tratar de averiguar que pode haber detrás da falta de evolución do menor”, recorda. Estas medidas, xunto co réxime aberto ou os arrestos de fin de semana, sempre rematan cun período de liberdade vixiada, a pena estrela entre aquelas non privativas da liberdade. O problema é, segundo a profesora, que para que remate con éxito debe haber certa duración temporal e “non limitar ese seguimento a entrevistas periódicas co menor porque cada educador ten 15 nenos ao seu cargo, como ocorre nalgunhas comunidades”.

A amoestación, a medida máis estraña

Para os casos menos graves, o xuíz pode decretar medidas como a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima e a súa contorna, “unha traslación da orde de afastamento dos adultos máis pensada para a protección da vítima que para a reeducación”; a convivencia con familias ou grupos educativos durante unha tempada, “aínda que non é doado atopar núcleos dispostos a encargarse do menor”; os servizos á comunidade, que esixen o consentimento do menor debido á prohibición dos traballos forzados; realizar tarefas socioeducativas ou “a medida máis estraña do noso código penal”, a amoestación, que consiste en que “despois de pór en marcha todo o proceso xudicial e o que iso supón o menor vai para casa cunha reprimenda na que o xuíz intenta facerlle ver ao acusado a gravidade dos feitos e as súas consecuencias”.