DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola Área de Historia de América, desenvolverase entre o 22 de outubro e o 13 de novembro

O Encontro sobre Migracións e Globalización consolídase, na súa segunda edición, como un foro de referencia e debate

Os interesados poden inscribirse de balde ata o día 20

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 08/10/2008

Despois do éxito da primeira edición do Encontro Internacional sobre Migracións e Globalización, volve ao campus o que pretende converterse nun foro de referencia no debate e a divulgación sobre os fluxos migratorios no contexto mundial. Organizado pola Área de Historia de América co apoio da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia, o curso contará con relatores de recoñecido prestixio alén das nosas fronteiras. As conferencias terán lugar todos os mércores e xoves entre os días 22 de outubro e 13 de novembro na aula multiusos do Edificio de Ferro, e o prazo para matricularse, de xeito gratuíto, permanecerá aberto ata o día 20. Ademais, os alumnos das facultades de Historia e Ciencias da Educación obterán dous créditos de libre configuración pola súa asistencia.
A idea de crear un espazo de reflexión sobre os diferentes movementos migratorios naceu o ano pasado da man da Área de Historia de América. “Dentro das nosas liñas de investigación, un dos temas que máis nos ocupa é o da emigración galega cara o continente americano” explicou Xosé Ramón Campos, coordinador do encontro. “Queriamos dar a coñecer o que se estaba a facer, pero non só no caso galego, senón nun contexto global” matizou. Así naceu a primeira edición dun simposio que tivo unha excelente acollida, cuns 150 inscritos. En vista do éxito decidiron darlle continuidade seguindo coa mesma temática e afondando aínda máis nos aspectos migratorios en relación “cun proceso de globalización que marca novos cambios nas traxectorias vitais e laborais das persoas”.

Un programa moi internacional

Pero se nesta segunda edición dos encontros a aposta é pola continuidade na temática, as novidades veñen dadas polos relatores, de variada procedencia, que configuran o programa. “Temos nomes moi importantes a nivel internacional porque o que nos interesa son os fluxos migratorios entre España e América” comentou Campos. Dende Cuba, Venezuela, Brasil ou EEUU, diversos investigadores reflexionarán sobre eidos tan diferentes como a influencia da emigración na literatura, a expansión do catolicismo en Sudamérica ou o fenómeno da globalización, ademais de aportar testemuñas reais sobre experiencias no estranxeiro. Asemade, tamén se abarcará o tema de inmigración en España, dado que a que fora terra de emigrantes por excelencia “é agora un país receptor de inmigración, como ben explicará un profesor da Universidade Católica de Ecuador, xa que os seus compatriotas ocupan unha das colonias máis numerosas aquí” puntualizou o coordinador.
A conferencia inaugural correrá a cargo de Gustavo Suárez Pertierra, presidente do Real Instituto Elcano, “que ademais de ter sido ministro na época de Felipe González, é un dos investigadores máis importantes en relación aos procesos de independencia latinoamericanos”. Os seus coñecementos quedarán latentes na charla A inmigración española a Iberoamérica vista dende os 200 anos do proceso de independencia.

Información para os interesados

O encontro, que está aberto ao público en xeral, terá unha duración total de 30 horas e poderá ser validado por dous créditos de libre configuración polos alumnos das facultades de Ciencias da Educación e de Historia. A matrícula, gratuíta, deberá formalizarse antes do 20 de outubro enviando un correo electrónico a migracions.globalizacion@uvigo.es, onde conste o nome e apelidos do estudante, dni, email, enderezo postal, teléfono e titulación á que pertence.