DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Doutora Honoris Causa pola Universidade de Vigo faleceu aos 73 anos en Massachusetts

A endosimbiose queda orfa co falecemento de Lynn Margulis

Luisa Castro destaca que Margulis revolucionou a clasificación dos seres vivos

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 24/11/2011
Foi quen de situar ás bacterias no centro mesmo da folla de ruta da evolución, unha das grandes contribucións á bioloxía evolutiva do último século. Lynn Margulis, catedrática do Departamento de Xeociencias da Universidade de Massachusets e doutora honoris causa por numerosas universidades, entre elas a de Vigo, falecía nas últimas horas aos 73 anos de idade vítima dun ictus sufrido días antes.
A súa Teoría da Endosimbiose Seriada dá, ata o de agora, a resposta máis plausible a como unha célula procariota (sen núcleo diferenciado e coa información xenética dispersa na membrana) chega a se converter nunha célula eucariota (coa información xenética dentro dun núcleo). Margullis defendeu, a pesar das críticas de boa parte da comunidade universitaria, que organismos de orixe bacteriana se uniron, etapa a etapa, dentro dun sistema máis complexo que se mantiña mediante a simbiose entre os seus membros de xeito que o beneficio do conxunto redundaba no individuo e viceversa.

Para quen foi a súa madriña na investidura como Doutora Honoris Causa pola Universidade de Vigo, a profesora do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo, María Luisa Castro, "Lynn Margulis é unha científica universal, non só porque colaborou con Lovelook na defensa e elaboración da Teoría Gaia, na que fan ver como todos os seres vivos da terra están interrelacionados e non hai uns máis importantes que outros, senón tamén porque revolucionou o mundo biolóxico coa Teoría da endoxénese, segundo a cal en palabras suas todos os seres vivos pluricelulares non somos máis que millons de bacterias interrelacionadas".

Castro destaca ademais que Margulis revolucionou a clasificación dos seres vivos defendendo a súa teoría en cinco reinos " discutible, mellorable, pero fixo pensar a moitas persoas. Como ela decía 'a ciencia de hoxe non é máis que mitoloxía do futuro', todo para facernos ver que as teorías non son dogmas, senon material de traballo para seguir investigando".

Importante vínculo coa Universidade de Vigo

O 26 de xaneiro de 2007 nun acto no que foi apadriñada pola profesora do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo, María Luisa Castro, Lynn Margulis converteuse na primeira muller Doutora Honoris Causa da Universidade de Vigo. No seu relatorio, titulado Seres, vivos e fósiles. Relacións entre a súa evolución e os sistemas de clasificación, Margulis expuxo ante os asistentes ao acto de investidura os eixes clave na súa obra. Nun discurso impregnado de ironía a bióloga norteamericana partiu da clasificación popular dos seres vivos, chea de prexuízos, para a continuación a través de imaxes e teorías especializadas ilustrar que “a interacción dos microorganismos dentro das súas propias comunidades e con outros organismos determinou o curso da evolución da vida”.

En xullo do ano pasado, Lynn Margulis regresaría á Universidade, desta volta ao campus de Ourense para impartir o discurso inaugural do XVII Simposio Internacional de Palinoloxía, actividade organizada pola Asociación de Palinólogos de Lingua Española que reuniu a máis de 100 investigadores chegados de 13 países. Na súa intervención titulada A evolución da vida sobre o planeta Terra antes das plantas: eucarioses e simbioxéneses fixo un percorrido por 4000 millóns de anos de evolución en 40 minutos nun relatorio no que demostrou as súas dotes especiais como divulgadora da investigación científica.

Para María Luisa Castro, Lynn Margulis "non morreu, as persoas como ela só deixan de estar fisicamente entre nós, porque deixan unha labor tan importante feita, que en realidade van ao reino dos inmortais, este seria o 6º na sua clasificación".