DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto europeo, coordinado pola Universidade de Vigo, presentou as súas conclusións

EnerBioAlgae pon fin a dous anos de traballo sobre o aproveitamento enerxético das algas

Ábrense novas vías de investigación como o seu uso para a limpeza de augas contaminadas con metais p

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 22/04/2013
Foron dous anos de intenso traballo, durante os que a Universidade de Vigo, en colaboración coa Universidade de Almería, o Inega, a Universidade de Aveiro, a Universidad de Pau et Pays de l’Adour e o Centre National de la Recherche Scientifique, deron importantes pasos na investigación sobre o uso das microalgas como enerxía renovable. Agora que este proxecto EnerBioAlgae, enmarcado no Programa Operativo de Cooperación Territorial do Sudoeste Europeo (Sudoe), toca ao seu fin, o seu coordinador, o profesor do Departamento de Física Aplicada, Jesús Torres Palenzuela, valora moi positivamente a experiencia, o ter conseguido os obxectivos iniciais e aberto novos campos de investigación sobre o uso das microalgas. Nunha xornada técnica celebrada este luns no Edificio de Ciencias Experimentais, os diferentes parceiros presentaron os resultados das liñas de investigación e deron por concluída unha colaboración que agora buscará novos camiños para continuar nun campo “no que queda aínda moito por facer”.

EnerBioAlgae é unha proposta que integra a protección e conservación do medio ambiente, a loita contra o cambio climático, a diversificación das fontes enerxéticas e a protección da biodiversidade. As microalgas son o eixo fundamental deste proxecto, xa que “presentan excelentes perspectivas de futuro”, explica Torres Palenzuela, que indica que “partimos de varios interrogantes, como poder traballar con microalgas e cepas en Galicia, pero atopamos cepas autóctonas e adaptadas ao medios que nos permitiron desenvolver todo o proxecto”.

En colaboración con Augas de Galicia e Aqualia, instalouse unha planta piloto de cultivo de microalgas con fins enerxéticos na EDAR de Guillarei, en Tui, que consiste nun raceway de corenta metros de longo por catro de ancho, con foso de aireación e un rotor para mover de forma continua o cultivo. Outras liñas que se abren agora están relacionadas co uso de microalgas para limpeza de augas contaminadas con metais pesados e outros contaminantes e tamén para a absorción de CO2. O profesor Torres Palenzuela destaca o éxito e a consecución dos obxectivos ao tempo que lembra o reducido orzamento coa que contaba este proxecto, pero non supuxo finalmente unha importante barreira.

Ademais, os promotres lembran que EnerBioAlgae contribúe á mellora medioambiental mediante a integración da utilización de augas contaminadas e a captación de CO2 e subliñan que a produción de microalgas non compite co sector alimentario, non require de grandes superficies, nin de terreos fértiles e maximiza o aforro de auga para o seu cultivo.

Obxectivos do proxecto

O uso de microalgas como fonte de enerxía vía biomasa para usos enerxéticos ou para a súa conversión en biocombustibles ten excelentes perspectivas de futuro, pero require máis inversión na investigación aplicada e apoiada por experiencias piloto con carácter demostrativo. Neste contexto se insire EnerBioAlgae, co Departamento de Física Aplicada á cabeza. O profesor Torres Palenzuela destaca que os obxectivos está cumpridos, xa que se obtiveron resultados favorables tanto na produción de biomasa procedente de algas, como no desenvolvemento dos aspectos metodolóxicos, técnicos, económicos e ambientais, na identificación e explotación de recursos hídricos degradados con elevada cargas inorgánica e potencial enerxético, no desenvolvemento de tecnoloxías de instrumentación para o control on-line de cultivos enerxéticos e da calidade das augas, para optimizar a calidade do biodiesel obtido a partir de microalgas e para demostrar a viabilidade destas tecnoloxías. “Cumprimos os obxectivos marcados, pero queda moito por facer neste campo para poder converter esta iniciativa nunha idea viable técnica, económica e ambientalmente”. De feito, froito deste traballo xurdiron varias empresas no seo dos grupos de investigación que se sitúan nun nicho de mercado novo e estreitamente vinculado ao I+D+i.

As achegas dos investigadores vigueses

Unha das achegas realizadas polos investigadores do Departamento de Física Aplicada é o desenvolvemento dun algoritmo para o control de biomasa en fotobiorreactores, que unha das principais metas de EnerBioAlgae. Tratábase de crear algoritmos para o control de biomasa mediante redes neuronais e técnicas de espectroscopia de fluorescencia (SFS), que se basea na medición da intensidade da fluorescencia dunha mostra coas lonxitudes de onde de excitación e emisión diferentes.

Outros dos obxectivos cumpridos é a produción de biomasa de microalgas empregando só efluentes industriais, da man da Universidade de Almería; a produción de biomasa en reactores piloto para ensaios de produción de biodiesel, sendo a Universidade de Aveiro a encargada de poñer a punto a tecnoloxía de produción de biodiesel a partir de biomasa de microalgas; a obtención de biodiesel a partir de diferentes métodos de extracción; ou a caracterización termofísica de biodieseles a partir da medida de propiedades calorimétricas, da man da Universdiade de Pau.