DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Carlos Martínez-Peñalver, catedrático de Tecnoloxía Electrónica:

“A enerxía exerceu unha notable influencia á hora de conformar a orde económica e política actual, converténdose en símbolo de poder”

O investigador impartiu a lección inaugural na apertura do curso

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Marta Casanova DUVI 26/09/2008

O actual sistema de consumo enerxético do que depende o funcionamento das sociedades avanzadas é insustentable no tempo e ten os seus días contados. Nun momento como o que estamos a vivir, de graves dificultades económicas e medoambientais, cómpre reflexionar sobre o camiño a seguir nun futuro incerto no que as enerxías renovables se presentan como a mellor alternativa. Precisamente, sobre electrónica, enerxía eléctrica e aforro enerxético versou a lección inaugural do curso 2008/2009, impartida polo catedrático de Tecnoloxía Electrónica, Carlos Martínez-Peñalver.
“A enerxía eléctrica, como ben necesario para o progreso económico dunha sociedade, constitúe un dos piares básicos do desenvolvemento sostible” subliñou, ao tempo que explicaba que, pola súa distribución territorial diferente da do consumo, exerceu “unha notable influencia á hora de conformar a orde económica e política imperante na actualidade, converténdose incluso en símbolo de poder”. Dende a súa xeneralización, coa segunda revolución industrial no século XX, o uso da enerxía modificou a capacidade de traballo e produción dos países ata converterse nun elemento indispensable do que dependen “aplicacións críticas como as telecomunicacións, os hospitais ou as industrias”. Dada a súa importancia, en Europa “os investimentos en redes eléctricas consisten basicamente en melloras para garantir a fiabilidade e calidade da subministración” explicou o catedrático. De feito, os sistemas de transporte e distribución actuais deben ser mellorados xa que perden “entre un 5 e un 7% da enerxía que transportan e as perdas técnicas poden chegar incluso ata o 20%”.

A importancia do aforro enerxético

Aínda que a demanda de enerxía de calidade é especialmente intensa en economías maduras “con importantes infraestruturas de tecnoloxías de información e de comunicacións, co efecto da globalización, é probable que se estenda ás demais” apuntou Martínez-Peñalver. Tanto é así que a Axencia Internacional de Enerxía estima que o consumo neto de enerxía nas economías emerxentes medrará ata 2030 a unha media anual do 4%, nas economías en transición ao 3,1% e nas economías maduras ao 1,5% de media. “Sen embargo, en Europa occidental o aumento da demanda será algo menor por cuestións demográficas e pola orientación da sociedade cara o aforro enerxético” matizou. E é que minimizar o impacto ambiental “fomentando novos tipos de enerxía renovable é unha necesidade urxente, tal e como establece o protocolo de Kioto”, dixo o profesor. Ademais, tamén cómpre seguir investindo en tecnoloxías que aforren enerxía “e melloren a súa eficacia como os que xa se están a introducir en sistemas de aire acondicionado ou electrodomésticos e que reducen ata un 20% o consumo”.

As enerxías do futuro

Ao marxe das políticas fiscais que potencian as enerxías renovables ou do emprego de novas tecnoloxías, a dispoñibilidade de combustible tamén é un elemento diferenciador nas decisións enerxéticas. O mercado do gas natural, por exemplo, “está vivindo un auxe moi significativo e o ritmo anual de aparición de reservas equilibra o seu consumo”. Isto está a propiciar que os investimentos en produción de enerxía eléctrica “se focalicen tanto nas centrais de gas como nas enerxías renovables, principalmente a eólica e a solar”. Así, o avance da enerxía eólica en España, que cobre o 7,5 % da demanda de electricidade nacional, vai por diante do previsto grazas á rápida asimilación do sector industrial. En canto á enerxía fotovoltaica, a súa implantación non é tan factible polo de agora xa que produce unha baixa intensidade enerxética e baixos rendementos, ademais dun alto custo de explotación, pese a ser un recurso gratuíto, polo que se presenta máis ben como unha opción a longo prazo.

O papel da electrónica

O avance da tecnoloxía eléctrica non só foi quen de demostrar que era a mellor para xerar, transmitir e converter a enerxía, senón que ademais tamén o era para transmitir un sinal eléctrico que contivera información, dando lugar a unha nova disciplina: a electrónica. Dende entón, “o seu desenvolvemento foi imparable e medrou como unha tecnoloxía horizontal básica para as demais tecnoloxías” dixo Martínez-Peñalver. A electrónica industrial converteuse así “nunha tecnoloxía estratéxica pois aplicada ao procesamento de enerxía, posibilita a sustentabilidade do crecemento social contribuíndo ao aforro enerxético mediante a optimización do consumo” engadiu.
Nun marco no que é necesario unir o avance das novas instalacións, os criterios de política ambiental, os compromisos internacionais e os problemas do cambio climático, cómpre traballar a prol do desenvolvemento enerxético sostible, apostando polas enerxías renovables que minimizan o impacto ambiental.

A versión íntegra da lección inaugural impartida por Carlos Martínez-Peñalver pode descargarse no documento seguinte:

Achegas da electrónica á fiabilidade da enerxía eléctrica (181.44 Kb)