DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O experto en modelado numérico Marcel Cure, novo convidado do ciclo de conferencias

A enerxía das ondas move o Campus do Mar

Este mércores ás 12.00 horas a través de videoconferencia

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI 07/06/2011
Na procura de fontes de enerxías renovables e sustentables, o mar agocha grandes posibilidades en forma de ondas. A enerxía undimotriz, aínda en desenvolvemento, presenta boas perspectivas pero precisa aínda de enormes doses de I+D+i para facela rendible. Sobre estas necesidades tecnolóxicas e de innovación falará este mércores Marcer Cure, director xeral de Numerics Warehouse Ltd., nunha nova cita do ciclo de conferencia do Campus do Mar. En concreto, este enxeñeiro británico falará do caso concreto de Irlanda, país no que desenvolve o seu traballo, e da importancia da modelización numérica.

Baixo o título The Prospects for Wave Energy in Ireland and the Role of Numerical Modelling in its Development, Marcel Cure achegará o seu punto de vista sobre o estado da enerxía das ondas en Irlanda e o traballo en I+D que está sendo levado a cabo pola súa empresa para prover á industria das solucións que necesita.

Experto en enerxía mariña

Marcel Cure é director xeral de Numerics Warehouse Ltd., empresa irlandesa de servizos de modelado numérico e datos para o sector mariño de enerxías renovables como ondas, mareas e enerxía eólica en alta mar. Este enxeñeiro naval británico asentado en Galway, Ireland, e doutor en Oceanografía, comezou a súa carreira no campo das aplicacións informáticas para o sector naval. Tras o seu doutoramento as súas investigacións centráronse nos mecanismos de transferencia de gases sobre a superficie oceánica que provocan a ruptura das ondas, participando ademais en proxectos de testado de novos aparellos de medición oceánicos.

Como experto en simulación numérica oceanográfica, Cure creou modelos numéricos para o Instituto da Mariña Irlandesa, para prospeccións petrolíferas mariñas, ou modelos de ondas para a emerxente industria da enerxía renovable mariña en Irlanda. Os obstáculos tecnolóxicos a superar no desenvolvemento de aparellos que convertan as ondas en enerxía, (Wave Energy Converter, WEC) así como a sustentabilidade de devandita enerxía e os posibles riscos ecolóxicos da mesma na acuicultura, cetáceos e outros tipos de vida mariña serán parte importante da súa intervención no ciclo de conferencia do Campus do Mar.

A charla terá lugar este mércores 8 de xuño ás 12.00 horas no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) en Santiago de Compostela. O relatorio poderá seguirse en directo por Internet a través da webTV do Campus do Mar desde onde terán a posibilidade de interactuar co poñente por medio dunha canle chat.

O ciclo de conferencias de Campus do Mar volverá en setembro con recoñecidos expertos que achegarán a súa visión sobre temas de relevancia para o coñecemento dos océanos en todos os eidos do saber.