DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Arredor de 350 profesionais participan na cita anual do persoal sanitario ourensán

Enfermaría celebra o seu Día Internacional pedindo máis seguridade nos coidados

Sanidade advirte que un 10% dos pacientes é vítima dalgún evento adverso

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 11/05/2011
Unha persoa acode a un hospital na busca dunha solución aos seus problemas de saúde. Esta é a norma. Pero un hospital non é unha burbulla e unha vez dentro o paciente está a expensas de que poida ser vítima de diferentes incidentes que afecten precisamente á súa saúde, desde unha caída ata coller unha infección nosocomial. Segundo os datos da Consellería de Sanidade, arredor dun 10% dos pacientes sofren algún evento adverso durante a súa atención. Unha porcentaxe e unha cuestión que polas súas consecuencias cada día adquire maior protagonismo e que este mércores e xoves centran a cita anual do persoal sanitario ourensán, as VI Xornadas de Enfermaría de Ourense. Co gallo da celebración do Día Internacional da Enfermaría o 12 de maio, arredor de 350 profesionais afondan en como mellorar a seguridade e a continuidade nos coidados aos enfermos.

Pilar Farjas, conselleira de Sanidade, foi a encargada de inaugurar este mércores no campus de Ourense as xornadas xunto a María Lameiras, vicerreitora do campus; Francisco Rodríguez, alcalde do Concello de Ourense; Eloína Núñez, xerente do Complexo Hospitalario de Ourense, e María Victoria Carral, directora de Enfermaría do CHOU e presidenta do Comité Organizador do encontro. María Lameiras deulle a benvida aos asistentes recoñecéndolle o valor que ten “exercer unha profesión tan fundamental para a nosa vida como é a Enfermaría”. Unha idea compartida polo alcalde do Concello de Ourense, que quixo ofrecer “o recoñecemento dos ourensáns a todos os profesionais da Enfermaría” polo esforzo permanente e continuo que realizan na súa formación e polo seu “cariño, humildade e profesionalidade”.

ISO na xestión de riscos

Durante a súa intervención a conselleira de Sanidade destacou que nos últimos anos a seguridade dos pacientes adquiriu unha grande relevancia e é obxecto de especial atención. Ademais, advertiu, “a continuidade nos coidados representa un reto permanente para as organizacións sanitarias e os seus profesionais e forma parte consubstancial da calidade da atención prestada”. Farjas situou en arredor dun 10% a porcentaxe de pacientes que sofre algún tipo de evento adverso durante a súa estadía.

Para paliar esta situación, a conselleira salientou que “o Servizo Galego de Saúde vén de poñer en marcha núcleos de seguridade de pacientes e de xestión de riscos en todas as áreas sanitarias”. Segundo explicou, a súa función é impulsar os obxectivos de seguridade de pacientes en todas as áreas, a través de grupos multidisciplinares nos que a Enfermaría é o colectivo máis implicado. Outras das medidas apuntadas por Farjas son a posta en marcha dun sistema de notificación de eventos adversos e a futura implantación en catro hospitais galegos da norma ISO de xestión de riscos clínicos.

Coa mesma preocupación por mellorar a seguridade e garantir a continuidade nos coidados, María Victoria Carral, directora de Enfermaría do CHOU, fixo fincapé en que “os coidados deben ser o eixe da nosa formación e traballo” e que a “seguridade na sanidade é a seguridade no noso traballo”. Pola súa banda, Eloína Núñez, xerente do Complexo Hospitalario de Ourense, quixo salientar a celebración destas VI Xornadas no marco do Día Internacional da Enfermería e no contexto da Universidade de Vigo, tendo en conta o proceso de transformación en Hospital Universitario que está vivindo o seu centro.