DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas I Xornadas Galegas de Patoloxía Dual

Un enfoque integral para o tratamento da patoloxía dual

Coa colaboración da Asociación Cadabullo e a Universidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 28/11/2008

“Novas ferramentas de traballo para vellos problemas”, isto é o que ofrecen as I Xornadas Galegas de Patoloxía Dual, segundo Antonio González, secretario da Facultade de Ciencias da Educación. A patoloxía dual psíquica é unha problemática que existe desde sempre, sen embargo non hai un coñecemento profundo sobre ela nin os recursos axeitados para abordar a situación. A través destas xornadas, que terán lugar no salón multiusos do Edificio de Ferro ata este sábado 29, preténdese “divulgar unha nova cultura de prevención e rehabilitación, soamente coñecendo o alcance do problema se poderán desenvolver accións para loitar contra el”, destacou Francisco Rodríguez, alcalde de Ourense, durante a inauguración do curso.
A patoloxía dual define a situación que se produce cando “nunha persoa afectada por algunha drogodependencia converxe ademais unha problemática psicolóxica ou psiquiátrica”, explicou José Manuel González, membro do equipo técnico da Asociación Cadabullo. Actualmente “un 30% dos 12.000 galegos que están en tratamento para deixar as drogas presentan patoloxías mentais asociadas, o que dificulta a súa desintoxicación e rehabilitación”, indicou David Simón, director provincial do SERGAS. Estes datos indican que nos atopamos “ante unha situación na que hai moito que facer, polo que é un reto do noso sistema sanitario”, proseguiu Simón.
O curso, organizado conxuntamente pola Asociación Cadabullo e a Universidade de Vigo, diríxense, tal e como explicou Generosa Del Río, presidenta da asociación, “a toda a sociedade en xeral e en concreto a profesionais e estudantes das distintas disciplinas relacionadas”. Entre os poñentes das xornadas cóntanse especialistas das áreas da psicoloxía, psiquiatría, enfermería, educación social, traballo social de distintas entidades que traballan con esta problemática. “Queremos proporcionar un enfoque integral á situación, por iso quixemos que houbese unha ampla representación do ámbito-clínico social”, comentou González.

A patoloxía dual a debate

Finalizada a inauguración oficial deron comezo os relatorios da xornada. A integración na abordaxe da psicopatoloxía foi o tema da primeira mesa redonda titulada Os modelos psicolóxicos integradores nas unidades de saúde mental. Emilio González, psiquiatra e Amador Estévez, psicólogo, foron os encargados de afondar neste eido, partindo do corpo á mente dos enfermos e pasando polo papel da psicoloxía nos procesos de tratamento para promover o cambio. Despois da súa intervención, Víctor Pedreira, subdirector xeral de Saúde Mental e Drogodependencias da Consellería de Sanidade, ofreceu unha conferencia sobre a patoloxía dual en casos de drogodependencia.
Na xornada de tarde dúas mesas redondas debaterán sobre as competencias comúns e específicas dos traballadores e educadores sociais e ofrecerán unha proposta de rehabilitación psicosocial. O día rematará co relatorio de Gerardo Flórez, psiquiatra e director da Unidade de Condutas Aditivas de Ourense, que dará un repaso á evolución e á situación actual da patoloxía dual en Galicia.
As xornadas rematarán o sábado 29 con dúas mesas redondas, a primeira ás 9.30 horas tratará a hospitalización na intervención en problemáticas duais. Nela participarán Ignacio Gómez, psiquiatra do Servizo de Psiquiatría da Unidade de Agudos do Hospital Cristal-Piñor e Amparo González, enfermeira e supervisora da mesma unidade. A segunda mesa de debate terá lugar ás 12.30 horas, Alfonso Díaz, psicólogo e Alfonso Vázquez, presidente da Federación Nacional de Asociacións de Axuda ao Drogodependente (FENAD) tratarán de situar o lugar dos movementos asociativos respecto á patoloxía psíquica asociada. No medio destes dous debates, ás 11.30 horas, os asistentes poderán coñecer un pouco máis de preto esta problemática a través da presentación de diversos estudos e experiencias reais.

Cadabullo, unha meta en común

A Asociación Cadabullo naceu no ano 2006, grazas a un grupo de pais e nais que decidiron perseguir xuntos un obxectivo común “a promoción social de persoas con dificultades de patoloxía dual psíquica”, explicou Del Río. “Démonos conta de que os recursos que precisaban os nosos fillos aínda estaban por construír”, proseguiu a presidenta. Os principios polos que se guía a labor da asociación son “a formación continuada, a participación, sobre todo dos propios usuarios, e o traballo desde a realidade”, indicou Del Río. Desde a súa constitución, Cadabullo, trata de ofrecer atención, apoio e asesoramento ás persoas con psicopatoloxía dual e ás súas familias, de fomentar a mellora na autonomía e na integridade social e laboral dos que padecen este problema e de promover a pacificación, representación e defensa deste colectivo en decisións legais que afecten aos seus intereses.