DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa candidatura acadou un respaldo maioritario da Xunta de Facultade celebrada este xoves

Enma Torres asume o decanato de Ciencias Sociais e da Comunicación con “moita ilusión e proxectos”

O novo equipo intensificará a política de mobilidade e impulsará os dobres títulos con outras univer

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
D. Besadío DUVI 10/07/2014

Con 40 votos a favor, 13 en contra e 3 en branco, Emma Torres, profesora da Área de Comunicación Audiovisual e Publicidade, foi elixida este xoves nova decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. A liña a seguir é a marcada polo anterior equipo decanal, “para quen só teño palabras de agradecemento”, pero na súa proposta de traballo agroman tamén novas propostas que xiran en torno á consolidación das titulacións, garantir a presenza e visibilidade da facultade no contexto do Campus CREA e incrementar a visibilidade do centro, tanto na súa contorna máis inmediata como a nivel internacional, incrementando as dobres titulacións con outros países e ampliando os convenios de mobilidade para alumnado e profesorado.

Tras coñecer o resultado das votacións, a nova decana admitiu sentirse “moi ilusionada” co cargo, “pois é a facultade na que me formei e a que levo ligada toda a miña traxectoria profesional”, subliñou Torres, que estará acompañada no equipo polos vicedecanos de Calidade e Profesorado, Alberto Dafonte; Asuntos Económicos e Infraestruturas, Xosé Mahou; Alumnado e Mobilidade, José Pita; Promoción e Relacións Externas, Jesús Pérez, e a secretaria Beatriz Legerén. Por diante teñen tres anos nos que a súa xestión xirará, segundo subliñaron, en torno a tres eixes básicos: mellorar as vías de comunicación entre todos os membros do centro, incrementar a participación de todos os colectivos na toma de decisións e implementar procesos e actuacións que simplifiquen o traballo diario.

Máis dobres titulacións

Un dos eixes fundamentais de traballo deste novo equipo ten que ver coa consolidación das titulacións “e para este fin é necesario garantir a demanda e buscar fórmulas que permitan mellorar a presenza do centro na contorna social e empresarial”. Neste contexto, o novo equipo reforzará as campañas de captación de alumnado para todos as titulacións e traballará en relación directa co sector privado, establecendo fórmulas de promoción do centro a través de propostas de colaboración e transferencia dirixidas a demostrar as capacidades e habilidades, tanto do alumnado como dos egresados.

“É unha liña de traballo que xa puxeron en marcha os anteriores decanos”, subliñou Torres, que fixo fincapé en que a facultade ten asinados convenios de colaboración con gran número de empresas e institucións. “Sen ir máis lonxe o mes pasado houbo unha reunión cos responsables do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia e co inicio do curso haberá moitas máis, tanto con firmas coas que xa colaborabamos como con outras novas”, indicou a nova decana.

Con tres titulados que xa obtiveron de xeito simultáneo a titulación de Dirección e Xestión Pública da Universidade de Vigo e a de Xestión de Políticas Públicas da Universidade de Sao Paulo, outro dos grandes obxectivos desta nova etapa é dar un novo pulo a este proceso de internacionalización dos títulos. “A experiencia con esta Universidade brasileira está a ser moi positiva e a idea é estender a colaboración ás outras titulacións e ir ampliando o número de convenios con universidades doutros países”, recalcou Torres.

Docencia en liña e Campus Verde

Desde o punto de vista da docencia, o novo equipo subliña que as melloras e avances que se poden realizar teñen grande parte do seu sustento na execución das recomendacións do Comité de Avaliación Externa do Proxecto Piloto de Avaliación das Titulacións, pois a pesares de que o informe final aínda está pendente, existen unha serie de parámetros que resultan fundamentais, entre os que subliñan a posta en marcha das Comisións de titulacións dos graos, a actualización da Comisión da Calidade e a acreditación do Sistema de Garantía Interno de Calidade.

No plan de traballo para os vindeiros tres anos o equipo encabezado por Torres inclúe tamén a continuidade do plan de aforro enerxético para o edificio, a inserción no programa Campus Verde e a implementación de sistemas adecuados para a docencia en liña, non en van, o próximo curso Dirección e Xestión Pública estrea modalidade semipresencial, o que permitirá que os seus alumnos e alumnas reciban por Internet a mesma formación que se lles proporcionará nas aulas.