DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O número foi elixido ao azar entre os manteis-cuestionario cubertos nas cafetarías universitarias

A enquisa 0995 do Campus ConVida ten premio

A persoa agraciada ten de prazo ata o 1 de setembro para recoller o 'netbook' de agasallo

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 02/07/2014

Para deseñar as súas actividades, o proxecto de fomento de hábitos de vida saudables Campus ConVida procura recadar cada certo tempo datos sobre o comportamento e necesidades da comunidade universitaria en canto á súa saúde física, mental e social. Con este obxectivo, durante este curso repartíronse nas cafetarías universitarias manteis de papel nos que se convidaba aos usuarios a cubrir unha enquisa sobre os seus hábitos. As persoas que participaron na enquisa podían optar ao sorteo dun netbook, sorteo que se fixo este martes e no que resultou agraciado o número 0995.

Información moi útil para o futuro

“En total, durante o curso académico repartimos uns 2000 manteis nos que estaba impresa a enquisa, que era anónima. Nela preguntabamos aos usuarios das cafetarías dos edificios Politécnico e Xuridico-Empresarial, da Biblioteca e da Escola Universitaria de Enfermaría cuestións sobre os seus hábitos en canto á realización de actividades físicas, o tabaco, o alcol e outras drogas, a contorna natural, o sono e diferentes aspectos psicosociais”, explica Rodrigo Alberte Pivida, responsable do Servizo de Deportes do campus de Ourense e membro da comisión do Campus ConVida.

Esta información, sinala Pivida, está actualmente sendo analizada para obter datos que permitan coñecer dun xeito máis achegado á realidade o comportamento dos membros da comunidade universitaria. Os resultados obtidos servirán de orientación para o deseño da programación do vindeiro curso académico, na que o Campus ConVida, organizado pola Vicerreitoría do campus de Ourense co financiamento do Consello Social da Universidad de Vigo, volverá a traballar por unha comunidade universitaria cunha mellor saúde integral e máis feliz. “Agradecemos a todas as persoas que cubriron as enquisas a súa colaboración nesta iniciativa e en todas as que desenvolvemos ao longo do ano no marco do Campus ConVida”, apunta o responsable do Servizo de Deportes.

No sorteo celebrado este martes ante a presenza de Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e de membros da comisión do Campus ConVida, foi elixido ao azar o resgardo dunha das enquisas, concretamente o número 0995. A persoa agraciada ten de prazo ata o 1 de setembro para recoller na Vicerreitoría do campus o netbook de agasallo que lle corresponde.