DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha enquisa realizada por estudantes Bioloxía constata un rexeitamento social maioritario á pasarela da duna de Cíes

Realizaron 185 entrevistas que deixan ver a necesidade de promover a educación ambiental

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 03/11/2009

Manter o equilibrio ecolóxico das zonas protexidas choca de fronte, en moitas ocasións, con outros intereses que poñen en perigo os ecosistemas. As dunas de Figueiras-Muxieiros, no Parque Nacional das Illas Atlánticas, están sendo obxecto nas últimas semanas dun debate público sobre o impacto das obras de construción dunha pasarela que se están a realizar neste espazo. Co obxectivo de testar a opinión pública sobre esta nova construción, un grupo de estudantes de 4º curso de Bioloxía desenvolveron un estudo que, a través dunha mostra de 185 entrevistas, desvelou unha oposición maioritaria á execución destas obras. O rexeitamento social, segundo constata o estudo, “é do 62% e a cifra elévase ao 87% tras coñecer os impactos que xeran e amosa que arredor da metade da poboación descoñece os valores ecolóxicos destas dunas”, explica o coordinador do estudo, Xosé López. Por este motivo, os estudantes consideran que é necesaria unha firme aposta pola educación ambiental, sobre todo entre os visitantes ao parque.
López explica que se trata de “dunas terciarias, un ecosistema estable pero que segue sendo unha duna móbil composta por diversidade de especies estabilizadoras”. Principalmente son as raíces das plantas as que evitan que a duna avance máis rapidamente, motivo polo que as obras, ao eliminar esa vexetación na zona, “agudizan a erosión” e aumenta o avance da area. Ademais, nestas dunas aniñan e fan tobeiras especies protexidas que, no caso das aves, axudan á dispersión das sementes destas plantas. “Estes animais asustados e co seu hábitat alterado foxen da duna, polo que o impacto non é unicamente no propio espazo dunar, é na flora e na fauna do espazo”, destaca López, que engade que “todo isto desestabiliza o ecosistema”.

Conclusións e recomendacións

O estudo de opinión pública desenvolto por estes estudantes demostra que “boa parte da poboación non ten coñecemento dos valores ecolóxicos das dunas das Illas Cíes” e arredor do 80% dos enquisados tampouco ten información sobre as obras que se están executando. Con todo, puntualiza o coordinador, “a pasarela causa rexeitamento social e non é unha alternativa de acceso desexada polos visitantes ao parque, xa que a información sobre esta obra determina a opinión negativa entre os enquisados”.
Así, consideran que a alternativa pasaría por modificar o trazado de xeito que non cause impacto sobre a duna e pola planificación do uso público do parque e do acceso ás dunas respectando os valores ecolóxicos. “O 90% dos enquisados amósanse favorables a buscar unha alternativa, polo que case a totalidade rexeita o actual proxecto de obra”, explica Xosé López.
A día de hoxe as obras, aínda que xa moi avanzadas, atópanse paradas á espera dunha solución definitiva.

Características técnicas

Este traballo desenvolveuse dentro das actividades académicas da materia Ecosistemas Terrestres, de 4º de Bioloxía, e baixo a coordinación do profesor Javier Montalvo. Unha primeira quenda de entrevistas realizouse entre os visitantes do propio parque e unha segunda entre unha mostra representativa da cidadanía. En total, o traballo desenvolveuse entre os días 3 e 9 de outubro por un grupo de arredor de 25 estudantes.
O tamaño da mostra é de 185 entrevistas cunha marxe de erro de ±7,19% e un nivel de confianza do 95% para a mostra total.