DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Extensión Universitaria ofrece un curso sobre xestión local de recursos no marco do Camiño Miñoto-Ri

Enredando no camiño da saúde

O obradoiro axudará á creación de redes de traballo para a dinamización da esquecida ruta xacobea

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
B. Vega DUVI 04/06/2014

Son moitos os camiños que levan a Santiago de Compostela, mais só un deles foi, historicamente, o camiño da saúde, unha senda que transcorre por contornas saudables, con abondosas augas mineiro-medicinais e custodiada por vestixios de hospitais e lazaretos que deixan testemuña da ruta. O Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro está a ser obxecto de estudo, recuperación e dinamización da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Vigo a través de diversas iniciativas. A elas súmase agora o curso Xestión local de recursos no camiño da saúde, orientado a alcaldes, concelleiros e técnicos dos 15 concellos polos que pasa a antiga ruta xacobea, e integrado na programación de cursos da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais para este verán como unha das novidades máis importantes.

“O obxectivo principal é fomentar a organización e o traballo conxunto entre sectores e concellos para a promoción do Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro” sinala a profesora Lourdes Maceiras, directora do curso. “Moitas veces as cousas non se fan, non porque non se queira ou non se poda, senón porque non se sabe” engade a propósito deste obradoiro, que facilitará aos asistentes a formación e os recursos necesarios para crear e xestionar grupos de traballo a través de Internet, e sinala que “o ideal sería que despois os 15 concellos traballaran nun mesmo grupo, aínda que tamén existan grupos máis reducidos para outros ámbitos”.

Este curso ven a completar o traballo que se está a levar a cabo dende a Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade, en conxunto coa Asociación Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro, polo recoñecemento oficial desta ruta. Iniciativas como o proxecto Pegadas, a través da que recollen información popular para a investigación e documentación histórica da senda, e a exposición itinerante Queremos Saudarte dende o Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro son das máis relevantes que levaron a cabo no último ano.

Tres xornadas intensas de aprendizaxe e benestar

O curso distribúese en tres xornadas, do 12 ao 14 de xuño, que se desenvolverán no balneario de Cortegada “porque está no camiño, é unha contorna saudable e trátase dun lugar pequeno que reservamos eses días para sentirnos como na casa” sinala Maceiras. Trinta horas durante as que se falará de técnicas, recursos e ferramentas para a posta en marcha e mantemento de redes de traballo a través de internet e a xestión, planificación e consenso nas mesmas. Tamén haberá tempo para tratar as propiedades e beneficios das augas mineiro-medicinais e para o estudo topográfico do camiño, incluíndo un pequeno percorrido polo mesmo.

Xestión local de recursos no camiño da saúde é un curso financiado polas deputacións de Pontevedra e Ourense e, polo tanto, é de carácter gratuíto para aqueles a quen vai especificamente destinado (alcaldes, concelleiros e técnicos dos concellos do camiño). A información para a matriculación está dispoñible na páxina da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais e o prazo estará aberto ata 6 días antes do comezo do curso.

Unha ruta en recuperación

Esquecida e cuberta por vexetación nalgúns puntos, e custodiada noutros por antigos hospitais da orde de San Xoán de Xerusalén, ou orde de Malta, atópase a senda do Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro. Unha antiga ruta de peregrinación a Santiago de Compostela estreitamente ligada á saúde, rodeada de abondosas augas mineiro-medicinais e salpicada de vestixios de lazaretos que a amosan como a alternativa da vía da Prata para os enfermos de lepra. Con escasa documentación histórica, a investigación arredor deste camiño céntrase na cultura popular, na que sobrevive a meirande parte do seu percorrido polos concellos galegos de Lobios, Entrimo, Padrenda, Pontedeva, Cortegada, Arnoia, Ribadavia, Beade, Leiro, Boborás, Beariz, Forcarei, A Estrada, Vedra e Santiago de Compostela.