DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os dous intentos de renovar a dirección do centro quedaron desertos

Enrique Barreiro continúa como director en funcións da Escola Superior de Enxeñaría Informática

Deberá convocar de novo eleccións antes do 28 de febreiro de 2013

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 07/11/2012

Enrique Barreiro continuará catro meses máis ao fronte da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense. O docente seguirá ocupando o cargo de director en funcións do centro coa encomenda por parte de Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, de convocar de novo eleccións na ESEI antes do 28 de febreiro de 2013. Durante o ano 2012 convocáronse sen éxito dous procesos electorais que quedaron truncados ao non presentarse en ningún dos dous casos candidatos.

O pasado mes de xuño a Escola Superior de Enxeñaría Informática ourensá viviu un proceso de eleccións para a renovación do seu órgano directivo que entón cumpría os tres anos de mandato. Finalmente non se presentou ningún candidato e o equipo que viña ocupando a dirección do centro continuou en funcións uns meses máis. Comezado o novo curso académico, este mes de outubro abriuse de novo o proceso electoral pero rematado o prazo para a presentación de candidatos unha vez máis quedou deserto este mes de novembro. Ante esta situación foi o reitor da Universidade o encargado de encomendar ao equipo que encabeza Enrique Barreiro que continuase nos seus postos uns meses máis.

O equipo de Enrique Barreiro que ocupou a dirección da escola nos tres últimos anos e que continuará en funcións ata a convocatoria de novas eleccións en 2013 está formado por María José Lado, subdirectora de Organización Académica; Francisco Javier Rodríguez, subdirector de Sistemas e Infraestruturas; Eva Lorenzo, subdirectora de Calidade e Adaptación ao EEES, e Alma María Gómez, secretaria do centro.