DUVI

Diario da Universidade de Vigo

37 votos a favor e tres en contra foi o resultado da votación celebrada este mércores

Enrique Barreiro renova o seu mandato ao fronte da ESEI por outros tres anos

O cambio é a clave que marca o seu proxecto de futuro para a escola

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noelia V. Vilanova DUVI 20/05/2009
Con 37 votos a favor dos 40 emitidos no Consello de Centro que se celebrou hoxe, o actual director da ESEI, Enrique Barreiro, renovou o seu mandato por tres anos máis. Xunto a el estarán ao fronte da dirección da escola o equipo formado polos subdirectores de Organización Académica, Adaptación ao EEES e Sistemas e Infraestruturas, Marta Pérez, Eva Lorenzo e Francisco Javier Rodríguez, e polo secretario do centro e responsable de Calidade, Xosé Antón Vila.
A xornada electoral transcorreu con normalidade, tras a intervención de Barreiro, na que fixo un repaso aos últimos tres anos e presentou o seu proxecto de futuro, deron comezo as votacións. Á vista dos resultados compróbase que non foi unha decisión moi complexa e Barreiro amosouse moi contento coa súa reelección, “é a cuarta vez que me presento á dirección en dous mandatos distintos e comprobar que a xente non está aburrida de min e que me volven a outorgar a súa confianza é unha alegría e unha satisfacción”.
Para Barreiro os próximos anos son claves para a escola e se unha palabra resume o seu proxecto de futuro é o cambio, “temos que pensar quen somos e quen queremos ser”; ademais, neste caso, as transformacións son inevitables, xa que Boloña está a volta da esquina.

Boloña e outros retos

Un dos principais retos aos que se enfrontará Barreiro no próximo curso é a implantación do grao en Enxeñaría Informática que “xa ten o informe favorable das axencias de calidade e comeza en setembro”. Non obstante, “quedan por facer algunhas modificacións técnicas nas que xa estamos traballando”.
Aproveitando a adaptación ao EEES, dende a dirección apóstase “por cambiar e tratar de facer unha titulación máis moderna”. Co novo grao a situación vai a ser moi distinta da que se vivía ata agora, “modifícase a filosofía docente e os contidos da titulación”. O grao será de carácter xeral pero terá dous itinerarios, Enxeñaría de Software e Tecnoloxías da Información, “un está orientado para aqueles que queiran traballar en empresas de informática e outro para xente que vai a empresas que non se dedican a este campo pero que precisan del”.
No grao recóllese ademais a posibilidade de realizar prácticas en empresas, outro do retos que se propón Barreiro para os próximos anos “aumentar e mellorar a colaboración co tecido empresarial”. Estas prácticas non serán de carácter obrigatorio, pero quen as faga terá a convalidación por materias optativas da titulación. A medida que o grao se vaia implantando “iremos asinando novos convenios con empresas”.
Ademais do grao, en setembro dará comezo o posgrao de Sistemas Intelixentes Adaptables, “un máster orientado para as persoas que queiran facer o doutoramento” que virá a unirse ao que xa está actualmente en funcionamento de Consultoría de Software Libre. Sen embargo, Barreiro vai máis alá, “haberá que poñer máis oferta de posgrao no futuro”. Neste sentido, ten claro que o grao en Enxeñaría Informática terá continuidade nun máster do mesmo nome que aínda non está deseñado.
No seu novo mandato, o director da ESEI tamén aposta por mellorar a comunicación cos estudantes, para iso, unha das novidades vai ser “a creación dunha rede social específica para alumnos e ex alumnos da escola, para manterse en contacto, ofrecer cursos e estar ao día”. Aumentar a produción científica será outro dos retos de Barreiro, aínda que neste aspecto xa se amosa moi satisfeito, “somos o segundo centro que máis factura en proxectos de investigación do campus, despois da Facultade de Ciencias”.

O esforzo dos alumnos

Coa chegada de Boloña. lembra Barreiro que se pide ao alumnado“que traballe entre 35 e 40 horas á semana dende o primeiro día”. Pode parecer que isto vai a supoñer maior esforzo para o estudantado, pero non é tanto así, “o alumnado non van ter que traballar máis senón doutra forma, están acostumados a empezar o curso facendo moi pouco e aplicarse a fondo ao final do cuadrimestre, o novo método aposta por un aprendizaxe continuo”. De todos modos, Barreiro é consciente de que como todos os cambios, vai custar adaptarse, sen embargo agarda que a resposta por parte do alumnado sexa boa, “este ano matriculamos máis estudantes que o anterior e penso que seguiremos nesa liña”. Sobre este aspecto e en relación a situación económica actual, apuntou que “en tempos de crise é cando máis se valora a importancia de ter unha boa educación e a enxeñaría informática é un valor seguro porque segue tendo saída e está resistindo moi ben o paro”.

Desaparición da titulación?

No tocante á regulación da titulación, Barreiro indicou que o problema académico está solucionado, Enxeñaría Informática “ten unha ficha aprobada polo Consello de Universidades”. Precisamente as modificacións que se teñen que realizar no grao están orientadas a adaptarse a esta ficha e cumprir coas competencias que nela se indican . Sobre os rumores de desaparición da carreira, o director da ESEI, indicou que “esta titulación seguirá existindo mentres continuemos utilizando a informática".