DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Enrique Tortosa, director xeral do IEO: "Campus do Mar permitiría a Galicia estar no primeiro lugar de Europa en ciencia e tecnoloxía mariña"

O director do Instituto Español de Oceanografía analiza a implicación do organismo en Campus do Mar

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 26/02/2010

A colaboración que desde hai anos manteñen a Universidade de Vigo e o Instituto Español de Oceanografía entra nunha nova etapa coa implicación do IEO no proxecto de Campus do Mar. Unha colaboración que quedará plasmada proximamente nun convenio específico que dará forma a actuacións coordinadas entre ambas institucións e que segundo o director do IEO, Enrique Tortosa “pode chegar moi lonxe”. Co 45% do seu potencial localizado en Galicia, Tortosa, apunta nesta entrevista no Duvi, que Campus do Mar permitiría á comunidade “estar no primeiro lugar en Europa en ciencia e tecnoloxía do mar”.

Que importancia considera que ten para España e para Galicia dispor dun Campus de Excelencia Internacional dedicado ao mar?
Moita. O mar na economía española, en contra do que moita xente poda pensar, é fundamental porque non só é a pesca ou a industria, tamén o turismo vinculado ao litoral. É pola tanto a primeira actividade económica deste país, non é a construción ou o turismo, como se di, senón as actividades ligadas ao mar. Polo tanto é moi xustificado en Galicia, pero tamén noutros lugares de España, propoñan estes campus mariños. En Galicia é fundamental pola concentración de empresas de tecnoalimentarias derivadas do mar, de asteleiros, de pesca (o 40 u 50% da pesca de España radica en Galicia), a propia bioloxía das rías que é un sistema único no mundo, polo tanto este é o primeiro sitio de España onde tería que haber un campus mariño de importancia. Isto orixinaría, aínda que xa o é en parte, que Galicia estivese en primeiro lugar en España e desde logo en Europa no que é I+D, ciencia e tecnoloxía do mar.

Un proxecto como Campus do Mar evidencia unha realidade como as vantaxes de aglutinar esforzos, neste caso en torno a actividades relacionadas co mar nos ámbitos da investigación, a docencia e a calidade de vida.
España construíu un sistema de I+D bastante potente que nos sitúa no posto nove ou dez no mundo, pero o que nos esixe cada vez máis a sociedade é que sexa sostible, que non haxa duplicidades e que si haxa, dentro da sa competencia, máis cooperación e se non imos por aí imos mal. A crise económica xa puxo de manifesto que hai problemas de cartos tras unha época moi gloriosa de investimentos en I+D. Polo tanto esta é unha esixencia política e social: temos que cooperar, agruparnos, deixar ao marxe particularismos e manías e ir todos da man. Logo xa competiremos para sacar cartos e proxectos, pero debemos ir da man, crear estruturas comúns e simplificar os sistemas e gastar máis eficazmente todos, aproveitando mellor os cartos que temos.

En que se pode traducir a participación do IEO no Campus do Mar da Universidade de Vigo?
Pois desde a creación de liñas punteiras novas comúns, con financiamento de ambas partes; na potenciación de proxectos de investigación comúns; facilitar que os investigadores se poñan en contacto para impulsar proxectos novos máis importantes sobre todo de cara a competir en Europa; en servizos comúns; podemos colaborar en barcos, por exemplo na formación de profesionais; tamén en estruturas comúns e poderíamos incluso a ter unidades ou centros mixtos. Isto pode chegar moi lonxe ata crear eses centros ou unidades mixtas das que falaba ou equipamentos mixtos. Non hai límite, hai que empezar a andar e non hai límite.

Un elemento fundamental do proxecto é a docencia , clave nunha institución académica como é unha universidade, neste caso a de Vigo.
A formación é fundamental para unha universidade e nós pola nosa banda estamos colaborando xa nalgúns mestrados coas institucións académicas galegas, unha actividade que se pode mellorar sería estupendo. Nós temos unha capacidade pequena, pero se algo podemos achegar non dubidaremos en facelo.

E máis alá da súa participación en proxectos das características deste Campus do Mar, cales son os principais retos do IEO a día de hoxe?
El IEO ten retos moi importantes na mesa despois dunha época convulsa que na se deixaron moitas cousas sen resolver. O primeiro reto que ten é a apertura: abrirse a institucións e ser máis cooperativo e colaborativo. O segundo reto son as infraestruturas porque están quedando obsoletas ou son insuficientes como no caso de Vigo ou A Coruña onde non cabe máis xente e un terceiro reto e un mellor equilibrio entre o que é a investigación básica de excelencia e os apoios á administracións e sectores. Tamén con respecto do borrador da Lei de Ciencia que acaba de saír temos o reto de que o persoal do IEO teña una carreira recoñecida como ten a universidade ou o CSIC e que o Instituto non ten. O persoal do IEO desgraciadamente faga o que faga, entra cun soldo e xubílase con ese mesmo soldo. Isto está contemplado no borrador da Lei da Ciencia e permitirá mobilizar moito ao IEO.