DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será a terceira vez que asuma a responsabilidade de dirixir o centro

Enrique Valero, novo director da Escola de Enxeñería Forestal

Márcase como obxectivo a medio prazo a posta en marcha dun campus forestal

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 24/03/2011

Once votos a favor permitíronlle ao profesor Enrique Valero converterse no novo director da Escola de Enxeñaría Forestal. Para Valero non se trata dunha experiencia nova, pois xa asumira este rol nos anos anteriores á dirección de Luis Ortiz, quen esgotou o período de seis anos máximo que se pode estar ao fronte do centro. Prepara unha nova etapa cun goberno caracterizado pola continuidade na que quere seguir traballando na liña “de consolidar o novo Grao en Enxeñería Forestal para que se poida cursar con toda a normalidade”, engade o novo director.

A súa experiencia no eido da administración, pois xa exercera de director da escola nos seis anos anteriores á entrada de Luis Ortiz en marzo de 2005, foi o que o levou a presentarse de novo e a ser escollido pola Xunta de Facultade celebrada este xoves. O equipo de goberno que guiará o temón do centro durante estes tres anos inclúe “a cara nova de Juan Picos como secretario, que subtitúe a José Manuel Casas”, mentres que de subdirector proseguirá o profesor Carlos Baso.

A primeira “tarefa” da que se vai ocupar Valero é a de implantar con éxito e na súa totalidade o Grao en Enxeñaría Forestal “pois temos en curso o primeiro ano e queremos seguir esforzándonos na consolidación do resto da titulación”. Ademais, na liña de cumprir coas pautas que estipula o novo Espazo de Educación Europea Superior, quere continuar proxectando a potencialidade da escola cara o exterior, “cara todas as industrias, institucións e empresas que teñan que ver co eido forestal para conseguir que os nosos estudantes teñan un perfecto encaixe co que supón Boloña, saíndo das aulas para participar na vida profesional nos últimos anos da carreira”, engade o novo director. Así mesmo tamén ten en mente que a Escola de Enxeñería Forestal acade recoñecemento internacional “incluíndose dentro das novas correntes e liñas das institucións europeas en materia forestal”.

O campus forestal, obxectivo a medio prazo

A futura construción dunha engrenaxe estratéxica ao redor da explotación forestal, abandeirada polo actual reitor, Salustiano Mato, é un dos proxectos “máis interesantes” que lle gustaría liderar nestes tres anos de mandato. “Xa se está traballando na liña de crear un campus forestal en Pontevedra e debería ser unha aposta na que a escola teña un papel protagonista”, aclara Valero. Formulado como un obxectivo a medio prazo “suporía sacarlle o máximo proveito á enorme tradición forestal de Pontevedra creando unha rede de desenvolvemento e colaboración onde unirían esforzos todos aqueles centros, institucións, laboratorios que teñen que ver coa explotación do bosque e que se atopan na nosa contorna”, conclúe.