DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa candidatura recibiu 14 votos a favor, dous en contra e unha abstención

Enrique Valero é reelixido director da Escola de Enxeñaría Forestal cun apoio de máis do 80%

Entre os obxectivos do novo mandato, destaca potenciar os vínculos coas diferentes administracións

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 25/03/2014

Con 14 votos a favor, dous en contra e unha abstención, a Xunta de Escola da EE Forestal deu nesta xornada o seu apoio a Enrique Valero para que continúe tres anos máis como director e dea inicio a súa cuarta etapa á fronte do centro do campus de Pontevedra. A candidatura que completan os docentes Ángeles Cancela como subdirectora e Juan Picos como secretario obtivo un apoio superior ao 80% nunha votación na que participaron dos 17 dos 26 representantes do persoal docente e investigador, alumnado e persoal de administración e servizos que integran a Xunta de Escola.

Tras agradecer que este órgano colexiado tivese outorgado “un apoio tan forte á candidatura” coa que iniciará a súa cuarta etapa como director, cargo que xa exercía desde 2010 e que previamente desempeñara entre 1999 e 2005, Valero destacou o valor dun equipo directivo no que continúa o profesor Juan Picos, “un gran coñecedor da realidade do centro” e que incorpora á profesora do Departamento de Enxeñaría Química Ángeles Cancela, “unha persoa que foi a responsable de calidade da Universidade, que vai achegar unha nova perspectiva e que nos pode axudar enormemente a sacar esta escola adiante”.

Seguir na senda do aumento das matriculacións

Por outra banda, Valero salientou trala súa reelección que “a ninguén se lle escapa que estamos nuns tempos moi difíciles, nos que, por unha serie de circunstancias, algunhas titulacións van ter dificultades, e, nesa liña, esta escola está empeñada en saír adiante”, antes de expoñer as que serán as principais liñas de traballo do equipo directivo nos próximos tres anos. Neste senso, o director da EE Forestal incidiu na importancia de continuar na liña de “incremento constante” do número de novos alumnos e alumnas que viviu o centro nos últimos tres anos. Así mesmo, tamén salientou entre os obxectivos desta nova etapa “obter a acreditación do centro, continuar desenvolvendo o plan de calidade e conseguir o que ata o de agora é unha materia pendente, unha conexión forte coas diferentes administracións”. Neste senso, Valero destacou que fomentar as relacións do centro coa Xunta, a Deputación e o Concello é “unha tarefa fundamental para conseguir ese necesario vínculo entre sociedade e Universidade”.

Balance do camiño percorrido

Antes de relatar os obxectivos da nova etapa, Valero tamén achegou á Xunta de Escola o seu balance de tres anos “que non foron fáciles e nos que se levou a cabo a adaptación ao grao, hoxe xa perfectamente normalizado”. Neste senso, ademais de incidir no aumento do número de matriculados, o director da escola salientou a posta en marcha do curso ponte para os titulados e tituladas na antiga enxeñaría técnica, así como nos acordos subscritos con diferentes e empresas entidades, que permitiron “que a oferta de prácticas curriculares do centro sexa superior á demanda por parte do alumnado”.

Por outra banda, Valero tamén puxo en valor como a Escola de Enxeñaría Forestal “contribuíu nestes anos á investigación no campus de Pontevedra”. A este respecto, apuntou que os proxectos de investigación impulsados desde o centro supoñen o 45% de todo o campus, mentres que os proxectos de transferencia desenvolvidos desde a escola constitúen no 52% dos levados a cabo no conxunto das facultades pontevedresas.