DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En 2020 foi nomeado decano comisario para coordinar os traballos de creación da nova facultade 

Enrique Varela, único candidato ao Decanato de Dirección e Xestión Pública

Nunha votación que terá lugar o 28 de novembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 11/11/2022

En novembro de 2020, o profesor da Área de Ciencia Política e da Administración Enrique Varela era nomeado decano comisario da Facultade de Dirección e Xestión Pública co propósito de coordinar os traballos para a creación deste novo centro. Despois de que este mes de agosto se publicase no DOG o decreto polo que se crea esta nova facultade, Dirección e Xestión Pública abriu nas últimas semanas un proceso electoral dirixido por unha banda a conformar a súa primeira Xunta de Facultade e, por outra, á elección do seu primeiro decano. Coordinador do grupo de investigación Observatorio da Gobernanza G3, o actual decano comisario encabeza a única candidatura presentada, que foi proclamada este venres de xeito definitivo. Xunto a Varela, os profesores Xosé Mahou, como vicedecano de Virtualización e Innovación Educativa; Soraya Rodríguez, como vicedecana de Orzamentos, Mobilidade Internacional e Calidade, e Óscar Briones, como secretario académico, conforman o equipo que aspira a situarse á fronte deste centro os próximos tres anos.

“O noso obxectivo é consolidar un proxecto no que levamos anos traballando é que é absolutamente innovador”, salienta Varela do propósito co que concorre a este proceso, o de dar continuidade aos traballos que levaron á creación “da única Facultade de Dirección e Xestión Pública que hai en España” e que ademais conta, lembra, co único grao cunha modalidade virtual do Sistema Universitario de Galicia. O proceso para a creación tanto desta facultade, á que se adscriben o Grao en Dirección e Xestión Pública e o Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, arrancou, ao igual que o das facultades de Deseño e Relacións Internacionais, en outubro de 2020 cando o Claustro da Universidade de Vigo aprobou instar ao Consello de Goberno a iniciar os expedientes de creación dos novos centros. En marzo de 2021, o órgano de goberno da institución académica encargou ás correspondentes comisións as memorias de creación das facultades, que foron posteriormente informadas polo Claustro e aprobadas polo Consello de Goberno, á vez que recibiron o visto e prace do Consello Social. Xa en febreiro deste 2022, o Consello Galego de Universidades informaba favorablemente estas propostas e a creación das novas facultades era aprobada polo Consello da Xunta en xullo deste ano e publicada no DOG ao mes seguinte.

Consolidar e internacionalizar un “modelo híbrido”

Como apunta Varela, o propósito co que concorre a este proceso é o dar continuidade ao traballo desenvolvido nos últimos anos e no que destaca a posta en marcha, no curso 2020-2021, da modalidade virtual do Grao en Dirección e Xestión Pública, que convive desde entón coa presencial, dando lugar a un “modelo híbrido”. Neste enmárcase tamén o máster virtual en Dirección Pública e Liderado Institucional, que despois dunha década de traxectoria implantaba este curso “un novo plan de estudos adaptado aos novos requisitos que demanda a Axenda 2030”. De aí que sinale que o punto de partida do traballo que agardan poder levar a cabo nos próximos tres anos sexa o de “facer as cousas ben, na docencia presencial e na virtual”, para así “consolidar este modelo de ensinanza híbrida, xa que son experiencias novas que necesitan tempo e que facemos ademais sendo unha Universidade presencial”. 

A partir de aí, sinala Varela, o seguinte reto será o de desenvolver un “plan de internacionalización”, que poña o foco nas posibilidades da modalidade virtual do grao tanto para captar alumnado do resto de España, como de América Latina e do espazo da lusofonía. “O noso obxectivo é potenciar a dimensión internacional dos estudos de Dirección e Xestión Pública, sobre todo nun ámbito territorial no que levamos anos traballando, como é América Latina”, salienta o candidato a decano. 

A votación, o 28 de novembro

Completada a creación do novo centro, que comparte edificio coa Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, á que estaban previamente adscritos os seus dous títulos, o pasado 24 de outubro abríase este proceso electoral coa publicación da convocatoria tanto das eleccións a Decanato como a Xunta de Facultade. Pechados os prazos de presentación de candidaturas e de reclamacións, este venres 11 procedíase tanto á proclamación definitiva tanto de Varela, como dos membros do PDI-B, estudantado e PAS que optan a representar a estes colectivos da Xunta de Facultade. A só existencia de dous candidatos nos primeiros dous sectores e dun no terceiro fai que non sexan precisas votacións para a conformación final dunha xunta que, sumando o persoal docente con vinculación permanente, estará integrada por 13 membros.