DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O concerto co que remata o programa será en primavera

Nós 'ensaiamos' no Vidal Bolaño

Por quinto ano consecutivo grupos musicais de estudantes universitarios danse cita no teatro do camp

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Anabel Vila DUVI 15/02/2011
Ensaiamos é un dos programas que máis éxito ten entre o estudantado da Universidade. En marcha dende 2006 ofrece un local, o teatro Vidal Bolaño, para todos os grupos interesados co único requisito de que algún dos seus membros sexa alumno ou alumna da institución. Este curso son 16 os grupos inscritos no programa que oferta a Vicerreitoría de Extensión Universitaria. “Non é o ano que máis temos, chegaron a ser 20, pero é unha boa cifra”, asegura Alfonso Caride, técnico superior de Actividades Culturais, que salienta, ademais, o feito de que algún deles repiten. “Buscamos non darlle só un espazo, senón preparalos para que saian tocar fóra da Universidade”, explica.

Entre os conxuntos que se estrean hainos cun só universitario, mentres que noutros, coma no caso de Ocean of tears, todos os seus integrantes están matriculados na Universidade. Este grupo naceu da paixón pola música de Andrea Nantes, unha estudante de Tradución e Interpretación que ten nisto “un xeito de desconectar, de poder expresarme”. Nantes puxo un anuncio no taboleiro da súa facultade a principio de curso e logo recibiu resposta de Borja Macía e de Rodrigo Ivorra, alumnos do grao de Linguas Extranxeiras. Xunto a eles está agora Cristóbal Ivorra, o seu novo guitarrista, que estuda Relacións Laborais. “Esta moi ben ter esta oportunidade. Outros sitios cobran por unha hora de ensaio”, asegura Rodrigo, o batería, que de cando en vez toca con outra das bandas de Ensaiamos. Entre os usuarios o que máis valoran está o feito de que o local de ensaio está totalmente equipado. O escenario do teatro universitario vigués conta, ademais de cunha batería de cinco corpos, con amplificadores de guitarra e baixo, unha mesa de mesturas, dous altofalantes, catro micrófonos e cableado básico.

Concerto a final de curso

O broche de oro de Ensaiamos é un concerto, que este ano estase a organizar para finais de abril, primeiros de maio, “aínda que a data está sen concretar”. Nel participarán tres ou catro grupos dos que están a ensaiar, xa que “trátase de pasar unha boa tarde”, asegura Caride. Esta é unha oportunidade de ouro para que os grupos se enfronten ao público, e moitos xa o teñen en mente. No caso de Ocean of Tears barallan entre as cancións que compuxo Nantes e as versións do grupo finés Nightwish. “Temos ganas de interpretar as nosas cancións, pero hai que pulilas”, recoñece Cristóbal.

A música para superar barreiras

O grupo Ocean of Tears ten a peculiaridade de que a súa vocalista, tamén pianista, é cega. Para Andrea Nantes chegar á Universidade, onde estuda Tradución e Interpretación, foi “unha carreira de obstáculos”, e ten na música unha forma de expresión. “Estudo de oído. O meu portátil ten un programa de voz que lee os documentos e con iso chégame”, recoñece Nantes que na súa facultade desenvólvese como unha máis. Agora o seu reto son “as materias de interpretación, que me obrígan a ter unha gran memoria a curto prazo”.