DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ensinando a expresar emocións a nenos e nenas con autismo e síndrome de Asperxer

Manuel Ojea recolle nunha obra os bos resultados que tivo un programa experimental realizado con 11

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 10/12/2010
Expresar e entender as emocións propias e alleas é algo non sempre doado. A frustración por non ser quen de transmitir ben os sentimentos ou os malentendidos por interpretar mal as emocións dos outros son fenómenos habituais na vida de calquera persoa. No caso dos nenos e nenas con trastorno autista ou síndrome de Asperxer, esta situación complícase moito, pola súa idade pero sobre todo polo seu deficitario desenvolvemento emocional. Para axudalos a recoñecer e expresar emocións básicas, como a alegría, o enfado, a tristeza ou a sorpresa, Manuel Ojea, doutor en Psicopedagoxía da Facultade de Ciencias da Educación, vén de publicar o libro Emocións en nenos e nenas autistas. Programa de desenvolvemento da comprensión social.

Ojea explica a orixe deste problema salientando que “estes nenos non expresan as súas emocións non porque sexan incapaces de facelo ou porque teñan algún problema cerebral, senón porque teñen dificultades para comunicar e identificar sentimentos porque non teñen motivación por facelo, non teñen interese por establecer relación cos demais, hai un retraemento mental cognitivo para a comunicación”. Ademais, no caso das persoas con Asperxer, destaca que as súas dificultades para relacionarse cos demais débense sobre todo a que carecen de estratexias para facelo, e non a problemas de comunicación oral coma no caso dos rapaces con autismo.

Para axudar a profesores e familiares a romper esta barreira de incomunicación e contribuír a que os rapaces desenvolvan habilidades emocionais que faciliten a súa vida, o seu libro recolle a experiencia e materiais dun programa experimental levado a cabo baixo a súa dirección en 2009, durante 16 semanas, con 11 rapaces ourensáns, de 7a 14 anos, con autismo e síndrome de Asperxer.

Durante as semanas que durou o programa, familiares e profesores dos rapaces elixidos traballaron con eles unhas sinxelas fichas nas que paulatinamente os nenos ían aprendendo a recoñecer expresións faciais, a imitalas, a identificalas illadamente, a recoñecelas en situacións cotiás e así ata achegar a ser capaces de aplicalas eles mesmos e a diferencialas en contextos da vida. “A idea foi deseñar un programa tendo en conta as potencialidades destes rapaces e non os seus déficits. Como eles perciben a información por partes e logo o conxunto, decidimos comezar amosándolle as expresións faciais concretas, as partes, e rematar axudándolles a entender as situacións que provocan esas emocións, o global”.

Máis avances en emocións positivas

Os resultados do experimento, sinala Ojea, “son moi positivos, habendo melloras significativas nos rapaces en canto á súa capacidade para expresar as emocións e recoñecelas”. Para valorar os resultados do programa, antes e despois del fíxose un test aos rapaces estudados e tamén a outro grupo de nenos que non se someteron ao programa. Ao cotexar os resultados duns e outros observaron que esta mellora emocional é especialmente significativa á hora de aprender emocións como a alegría e a sorpresa e menos importante no caso de emocións negativas, como o a tristeza e o enfado. “As emocións negativas parecen ser máis fáciles de asimilar para os nenos con autismo e Asperxer que as positivas, que lles costa máis coñecer e recoñecer e que polo tanto é necesario traballar máis con programas coma este”.

Os profesores e familiares que queiran empregar os materiais deste programa téñeno á súa disposición nun CD que acompaña ao libro, publicado por Edicións Psylicom. Unha axuda máis "no tremendo camiño" que deben afrontar segundo Ojea as familias que teñen menores con estes trastornos.