DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor de Ciencias da Educación e do Deporte, Luis Costa, avoga por formar aos docentes neste ca

As ensinanzas musicais fanse un oco nas universidades

Engade que se deben buscar sinerxías para consolidar os estudos superiores de música

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 21/02/2011

Está máis que demostrado que a práctica musical axuda ao desenvolvemento das capacidades de aprendizaxe na infancia, polo que a súa presenza se fai imprescindible no seu proceso de formación. Así o confirma Luis Costa, unha voz de referencia do ámbito das ensinanzas musicais, cunha ampla perspectiva desde o nivel elemental ata o superior, pois ademais de ser profesor na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, é director do Conservatorio Profesional Manuel Quiroga de Pontevedra, asesor técnico da Consellería de Educación e foi profesor de música de secundaria, “ata dirixín unha banda de música popular”, engade. Considera que a nivel académico tense avanzado moito e que hai que continuar “na procura de sinerxías entre os conservatorios superiores e as universidades galegas para que a formación musical se acabe consolidando”.

Luis Costa resalta a importancia do eido musical na educación, non tanto no aspecto relacionado coa adquisición da habilidade de tocar un instrumento, senón nos valores e actitudes que transmite aos máis pequenos. "Un rapaz ou unha rapaza que toca un instrumento desenvolve un hábito de traballo moi relacionado coa disciplina, parécese moito a un atleta de alto rendemento, ata que sube o nivel con constancia e superación”, explica Costa. Deste xeito destaca a transversalidade do exercicio musical porque “estanse a aprender actitudes válidas para calquera ámbito do mundo laboral”. Así mesmo, considera que potencia a capacidade de socialización, pois “tocan en grupo e desenvolven un círculo de colaboración, de respecto e consideración polo traballo do outro, aspecto importante a ter en conta nestes tempos que corren”.

Os estudos musicais impulsan o proceso educativo o que para Luis Costa “é unha cuestión totalmente probada e demostrada porque ademais de todos os valores positivos que transmite, os rapaces que fan música teñen mellor rendemento académico porque a través da práctica musical potencian capacidades como as matemáticas ou a coordinación”. Estes aspectos máis transversais son os que se tentan potenciar tanto nas materias de música nos graos de Educación Infantil e Primaria, como no Máster para o Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, no que Luis Costa imparte clase.

Na procura de sinerxías

Cunha gran panorámica da historia das ensinanzas musicais en Galicia, Luis Costa amósase moi optimista porque asume que a educación musical está a recibir o recoñecemento que se merece ademais de que “hoxe en día contamos cunha rede de conservatorios profesionais e de escolas de música, con dous conservatorios superiores e está presente nas facultades de educación das tres universidades galegas, impensable noutros tempos”. Mais, engade que se atopa en proceso de asentarse, “sendo agora o momento máis idóneo xa que as ensinanzas musicais atópanse aínda negociando o plan de converxencia ao EEES”.

Para Costa, a consolidación da música no ensino superior debe procurar sinerxías entre os Conservatorios Superiores de Música de Vigo e A Coruña coas tres universidades galegas. “Trátase simplemente de botar man do principio de eficiencia e eficacia, buscando puntos de contacto e colaboración que sexan beneficiosos para as dúas institucións”, explica. Para o docente o mundo anglosaxón é a referencia, onde “a formación superior de música está totalmente ensamblada no mundo universitario”. O obxectivo en Galicia é a creación a medio prazo dun mestrado interuniversitario en investigación e educación musical, “unha proposta pioneira que xa está aprobada e en vías de desenvolvemento e que virá a encher un espazo baleiro”, aclara Costa. Este mestrado será un exemplo de cooperación pois “mentres que a universidade se responsabilizaría da compoñente académico-teórica da que goza maior tradición, os conservatorios achegarían a parte práctica, a instrumental”, exemplifica. Trátase de sacar o máximo rendemento á transferencia de coñecemento, “cunha modalidade moi adaptada a Boloña e á formación en competencias porque á música lle vén de seu” ademais de posibilitar que “o alumnado de ensinanzas artísticas poida facer unha tese de doutoramento cunha temática musical”, conclúe.