DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Juan Carlos Tedesco, profesor da Universidade de Bos Aires:

“Ensinar en Secundaria é un dos retos máis complexos da sociedade actual”

Ex-director da Oficina Internacional de Educación da Unesco, afondou nos retos pedagóxicos na socied

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 15/01/2010
No actual modelo social e económico, a información constitúe a base da sociedade do coñecemento, “tanto no campo produtivo como no político e social” explica Juan Carlos Tedesco, profesor da Universidade de Bos Aires e ex-director da Oficina Internacional de Educación da Unesco, polo que as universidades deben enfrontarse a novos retos pedagóxicos. Tedesco afondou nestes desafíos da sociedade do coñecemento nun relatorio dentro do ciclo de conferencias sobre a Situación actual e futuro da docencia universitaria organizado polo Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa.
“A información e a comunicación son as que modifican o comportamento dos cidadáns, que toman decisións estando informados, polo que ensinar ciencias é formación cidadá”, explicou. Nun momento no que o coñecemento é a base da sociedade, o risco desta sociedade é a exclusión, “que substitúe ao que noutro modelo era explotación”. Así, neste contexto, a formación e as institucións que a ofrecen convértense nun actor importante para evitar a inequitatividade e asegurar o acceso universal ao coñecemento.

Os retos: o acceso á universidade a relación coa sociedade

As universidades, como actores principais, sitúanse ante dous retos que Tedesco vincula por unha banda ao acceso á universidade e por outro á relación uiversidade/estado/sociedade.
No tocante ao acceso, o que fora ministro de Educación en Arxentina, destaca que a formación é agora un proceso que se dá ao longo da vida, polo que “entran en xogo temas como a actualización dos coñecementos, a necesidade de revalidar títulos en determinados campos obrigatoriamente ou o debate sobre a duración das carreiras”. Outro dos temas que se plantexan ante este proceso continuado é a necesidade de que “todos os sectores accedan á complexidade do coñecemento”. É dicir, non se debe permitir que os coñecementos estean en mans unicamente da elite que cursa estudos superiores, “debemos garantir a calidade da formación obrigatoria ou corremos o risco de caer nun despotismo ilustrado”. O fin é a “democratización da información”, que todas as clases teñan formación para controlar aos expertos e, para isto, Juan Carlos Tedesco considera básica a formación dos docentes, xa que desenvolven un papel moi importante pola súa dimensión social ao tempo que resalta que “ensinar en Secundaria é unha das tarefas máis complexas da sociedade actual”. Así, destacou a importancia de “aprender a aprender” e da formación básica, “aquela que non variará coas posteriores actualizacións ao longo da vida”.
Por outra banda, a democratización depende tamén da divulgación científica, “un papel moi pouco apreciado entre a comunidade universitaria”. En ambos campos, o profesor arxentino considera de enorme importancia involucrar ás universidades e empregar as novas tecnoloxías da información, “vincular aos intelectuais coa televisión sería un bo xeito de que a universidade fomentase esta democratización”.

Unha formación responsable

No seu relatorio, o conferenciantes referiuse tamén á dimensión ética polas “consecuencias sociais da aplicación do coñecementos científico” e avogou pola responsabilidade social e a intelixencia responsable.
Así, sobre a relación entre as universidades e a sociedade salientou o papel das institucións de educación superior como xeradoras de ilusión e entusiasmo “nun momento de novo capitalismo que carece de sentido”. Tedesco apuntou que “a universidade debe retomar o seu papel como creadora de sentido, espírito crítico e debate, pero non cun sentido mesiánico, senón de reflexión na busca da xustiza, que é o que debemos buscar e para iso é imprescindible a formación”.

Un currículo moi vinculado á educación

Na actualidade profesor da Universidade de Bos Aires, Juan Carlos Tedesco, ingresou na Unesco como especialista en política educacional do Proxecto Unesco/CEPAL Desenvolvemento e Educación en América Latina e o Caribe, onde estivo a cargo das investigacións sobre educación e emprego. Foi o director da Oficina Internacional de Educación da UNESCO, en Xenebra. Ocupou a Secretaría de Educación do Ministerio de Educación, Ciencia e Tecnoloxía de Arxentina durante o goberno de Néstor Kirchner, e foi titular do ministerio no goberno de Cristina Fernández.
O ciclo de conferencias sobre a Situación actual e futuro da docencia universitaria retomarase o vindeiro 26 de febreiro con Claudi Alsina cun relatorio sobre A innovación docente universitaria: unha forma de vivir a profesión.