DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Enrique Dans presenta en Enxeñaría Informática os conceptos do seu último libro

Entender o aspecto social da tecnoloxía, clave para os futuros informáticos

A conferencia contou coa asistencia de arredor de corenta estudantes

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 13/12/2010
Os frenéticos cambios tecnolóxicos que se están producindo afectan á vida das persoas, á das empresas e á da sociedade no seu conxunto. Pero tamén afectan e dun modo moi particular a aqueles que máis directamente traballan coa tecnoloxía, os enxeñeiros informáticos. Enrique Dans, coñecido tecnólogo e blogueiro, apunta unha das claves para o futuro destes profesionais: entender a parte social e as implicacións sociolóxicas do seu traballo.

Dans ofrece este luns no campus de Ourense unha conferencia que titulou Probastes a apagar e volver a acender?, en referencia á tópica resposta cando se acude a un informático porque algo non funciona. O profesor debullou ante os arredor de 40 estudantes presentes algúns dos conceptos do seu último libro Todo vai a cambiar. Un libro e unha filosofía que Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, destacou especialmente porque “trata de facer comprender que todo vai a cambiar, ou mellor dito, que todo xa cambiou, e faino sen medo a expresar opinións polémicas”.

De Google a Facebook

Durante a conferencia, Dans afondou na idea social de Internet como un aspecto a ter moi en conta polos futuros informáticos. “Como tecnólogos non só podemos ver a parte tecnolóxica, temos que pararnos a ver a parte sociolóxica, o social que rodea á web”, salientou. Como demostración do papel fundamental que ten este aspecto na tecnoloxía, Dans explicou que o que diferenciou a Google e permitiu o seu éxito fronte aos demais buscadores foi que “Google está baseado nos usuarios”, pois o criterio de maior relevancia son os enlaces entrantes a cada páxina.

“Pero o verdadeiro cambio xurde cando empezan a aparecer todo tipo de ferramentas coas que calquera pode traballar e facer contidos”, apuntou Dans. Coa aparición de Youtube, Blogger, Twitter, Facebook e outros tantos instrumentos cos que a web deixa de ser creación exclusiva de programadores informáticos e as persoas e empresas pasan a poder crear e manexar directamente a súa presenza en Internet.

Caídas as barreiras de entrada no mundo virtual, Dans salienta que “agora o crucial non é estar en Internet, calquera pode facelo, o importante agora é identificar ás comunidades que nos podan ser de interese e crar un constante intercambio de información, a web viva”. Como exemplo da evolución de futuro, apunta que empresas como Ford realizan xa a súa web oficial empregando WordPress, “porque actualízase con moita facilidade, non se traballa apenas con código, os buscadores indexan ben os comentarios dos blogs e atraen enlaces”. Outro exemplo indicativo que expón é o crecemento das buscas a través de Facebook en detrimento de Google. Así, salientou, no seu propio blog a metade das entradas xa proveñen desa rede social.

 

Época cambiante

“Como tecnológos temos que entender a parte tecnolóxica que isto significa pero tamén as implicacións que ten. Moita da información que hoxe unha empresa manexa ou produce non está nos seus servidores (está en Facebook, Youtube, etc.), e pasa a depender de terceiros, que teñen os seus propios criterios e intereses, con todo o que isto pode significar”, advertiu.

Nunha época tan cambiante e nunha contorao tecnolóxica en continua evolución, Enrique Dans salienta ademais a importancia de apostar polo desenvolvemento tecnolóxico en España e pola creación dunhas condicións que permitan un avance neste eido significativo.

A conferencia forma parte do Curso de comunicación e habilidades directivas, que organiza desde o pasado 29 de novembro o Master en Consultaría de Software Libre da Escola Superior de Enxeñaría Informática. O curso conta co patrocinio da Deputación de Ourense e a colaboración de REDEGAL.