DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Palacete das Mendoza acolleu o acto de entrega destes galardóns promovidos pola Deputación

A entrega dos Premios Sofía Novoa pon en valor a investigación a prol da igualdade

Recoñécéronse os traballos de Raquel Armán, Lucía Troncoso e Eva Fontáns

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 23/05/2018

Premiar a inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e fin de mestrado realizados polo alumnado da Universidade de Vigo é o propósito central dos Premios Sofía Novoa Ortiz, impulsados pola Deputación de Pontevedra e que na súa segunda edición recoñeceron os traballos das egresadas Lucía Troncoso, Eva Fontáns e Raquel Armán, centrados na importancia da inclusión da perspectiva de xénero na educación infantil e na promoción dunha linguaxe inclusiva. O Palacete das Mendoza acolleu, na tarde deste martes, o acto de entrega duns galardóns dotados cun premio económico de 1000 euros, acto no que a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, salientou a calidade dos tres traballos que “impulsan políticas igualitarias e de visibilidade das mulleres en campos tan importantes como a educación”.

O vicerreitor do campus en funcións, Juan Manuel Corbacho, e as deputadas provinciais de Igualdade, Isaura Abelairas, e Emprego, Montse Magallanes, participaron tamén no acto de entrega duns galardóns dirixidos ao alumnado dos campus de Vigo e Pontevedra e que responde, segundo salientou Silva, á necesidade de “premiar a perspectiva de xénero nos traballos universitarios, xa que é un paso máis na consecución do obxectivo máis importante que temos, que non é outro que acadar un mundo no que mulleres e homes teñamos as mesmas oportunidades”. 

Recunchos educativos e linguaxe inclusiva 

Na categoría de traballos de fin de grao, foron premiados os traballos Modelos para fomentar a igualdade entre os sexos no traballo por recunchos na educación infantil. O traballo nos recunchos con enfoque de xénero, da viguesa Lucía Troncoso Pintos, e Enfoque de xénero na mellora da expresión oral da educación infantil nunha escola que escolariza alumnado de minorías étnicas e procedentes do estranxeiro, da pontevedresa Eva Fontáns Fernández. Tituladas en Educación Infantil, estas dúas egresadas da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte realizaron os seus traballos coa profesora Azucena Arias como titora e nelas dan conta das experiencias que ambas levaron a cabo en centros educativos. No caso de Troncoso co propósito de rachar cos estereotipos de xénero e promover modelos de igualdade a través do traballo con recunchos educativos, mentres que, no de Fontáns, na abordaxe dunha linguaxe con perspectiva de xénero no traballo con nenos e nenas de minorías étnicas ou procedentes do estranxeiro.

Na categoría de traballo de fin de máster, os Premios Sofía Novoa Ortiz distinguiron nesta segunda edición o traballo Tradución como ferramenta para a visibilidade: tradución de Gaycation para voces superpostas, que a viguesa Raquel Armán Prieto realizou no máster en Tradución Multimedia, da Facultade de Filoloxía e Tradución, e no que a partires da súa proposta de tradución dun documental estadounidense sobre o colectivo LGTB afonda en como unha tradución pode mudar a ideoloxía dunha mensaxe.