DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Patrocinado pola Deputación Provincial e a Universidade de Vigo

O Entroido en Ourense e as festas do inverno foron o eixo da xornada inaugural do III Congreso de Patrimonio Etnográfico

Clodio González, membro do patronato do Museo do Pobo Galego, ofreceu o primeiro relatorio da tarde

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 17/02/2009

O Entroido é unha das festas máis populares de Galicia e moi especialmente na provincia de Ourense; unha celebración que serve de mostra da enorme riqueza cultural e patrimonial da nosa comunidade. Coa finalidade de analizar e dar a coñecer as distintas manifestacións desta festa, inaugurouse este luns o III Congreso de Patrimonio Etnográfico que se centra nesta edición no Ciclo do Entroido: de práctica social comunitaria a obxecto de estudo etnolóxico.
Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación e un dos organizadores do congreso, foi o encargado de dar comezo ás xornadas, destacando que “o noso patrimonio corre o risco de perderse, por iso require de accións positivas como esta”. O congreso terá unha tripla vertente formativa, por un lado para “o profesorado en exercicio como xeito de contactar co patrimonio e poder trasladalo ás aulas; para os docentes en demanda de emprego e para investigadores e estudantes universitarios que desexen formarse neste ámbito”. Cid concluíu a súa intervención agardando que “as xornadas sexan de interese para os asistentes e que a formación sexa moita ao igual que as ganas de aprender”.
Pola súa banda José Luis Baltar, presidente da Deputación Provincial, patrocinadora das xornadas xunto coa Universidade de Vigo, subliñou que “o Entroido é unha das celebracións máis tradicionais, singulares e ricas da nosa cultura que forma parte do noso patrimonio etnográfico”. O carnaval é unha tradición tan arraigada que “incluso superou os longos períodos de prohibición e iso conséguese por estar totalmente asentado na sociedade e por ser un elemento co que se identifica o pobo”. Para Baltar esta festa en Ourense é tan rica, variada e plural “que non podemos falar dun Entroido senón de moitos, por iso é tan atinado este congreso, xa que permitirá afondar no coñecemento desta tradición dándolle un valor histórico e sociolóxico”.
Tras o breve acto de inauguración deu comezo a primeira conferencia da tarde, As festas de inverno e as fontes bibliográficas. As actividades do congreso continuarán ao longo da semana con diferentes relatorios de expertos nos entroidos da provincia e das súa áreas próximas, mostras das máscaras típicas de cada zona ao remate de cada xornada e, tanto o xoves 19 como o venres 20, farase unha saída de estudo para coñecer in situ os carnavais de Verín e dos barrios urbanos de Ourense respectivamente.

Relatorio inaugural

O primeiro orador da tarde foi Clodio González, “patrón do Museo do Pobo Galego, o etnógrafo máis importante que temos en Galicia, gran investigador popular e autor de numerosos libros”, asegurou X. Antón Fidalgo Santamariña, profesor da Universidade de Vigo. Na súa conferencia comezou introducindo o Entroido como unha das festas de inverno para pasar máis tarde a facer referencia ás distintas fontes bibliográficas que poden servir de axuda para o seu estudo.
Segundo González, Entroido e carnaval son dúas verbas con etimoloxías distintas que se refiren ao mesmo período de tempo, “que vai dende o domingo de septuaxésima ata o mércores de cinza”. Pero como se define a data desta festividade? Ao igual que noutras festas, o domingo de Pascua, que se ten que celebrar despois da lúa chea, de xeito que non sexa nunca antes do 22 de marzo nin despois do 22 de abril, é o que indica cales serán os días de celebración do Entroido. “Unha vez fixado o domingo de Pascua obtemos o resto de datas, 49 días antes será o domingo de Entroido, 46 días antes mércores de cinza, 7 días antes día de Ramos e así moitas máis”.
Antes de comezar coa bibliografía, González fixo referencia ao orixe das verbas que designan esta festa. Entroido deriva do latín introitus, “é dicir entrada ou comezo da primavera ou introdución á Coáresma, dous períodos de tempo totalmente opostos”. No tocante a carnaval, “din que pode provir da forma italiana carne levare, prohibir a carne, ou da latina carni navalis, as carrozas que adornaban en formas de barcos os romanos e coas que andaban nestas datas”.
A continuación pasou a centrarse nas fontes bibliográficas do Entroido, ofrecendo unha visión global tanto a nivel internacional e peninsular, como a nivel de Galicia. É neste último apartado onde destacan os galegos Vicente Risco ou Fermín Bouza Brey, da Xeración Nós, “os primeiros en recompilar información sobre os carnavais”.