DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Colaborará co Centro de Estudios Superiores del Bajío, situada nos estados de Guanajato e Querétaro

A enxeñaría da automoción achega a Universidade a México

Axudará a potenciar o proceso de internacionalización nun dos países claves para o Campus do Mar

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 01/12/2011

Camiñar da man cara á internacionalización entendida como “algo mutualista, non de tutela, para ofrecer o que sabemos e abrir a porta a aprender dos demais”. Con esa idea nace a colaboración entre a Universidade de Vigo e a Universidad del Centro de Estudios Superiores del Bajío, en México, que asinarán un convenio marco para o desenvolvemento conxunto de proxectos de investigación, para a organización de actividades académicas, a mobilidade de estudantado ou persoal docente e o intercambio de publicacións, material académico ou traballos de investigación. “Espero que abra moitas posibilidades concretas de colaboración, porque temos moitas cousas en común”, salientou o reitor vigués Salustiano Mato durante a recepción ao seu homólogo mexicano Paulo de Arondo.

O primeiro punto en común é o traballo desenvolvido en temas de enxeñaría relacionada coa automoción. A universidade mexicana ten como área de influencia os estados de Guanajuato e Querétaro, unha zona estratéxica con unha forte inversión en plantas de fabricación e loxística que se está a converter nun dos polos de industrialización máis importantes de toda Latinoamérica. Un dos paralelismos entre ambas entidades é a instalación dunha nova planta automobilística en Celaya similar á viguesa de Citroën, o que pode converterse nunha oportunidade de intercambio de experiencias. “Temos moitas similitudes, así que creo que imos entender moi ben a linguaxe e as necesidades da zona na que está situada esta universidade”, asegurou Mato.

Prestixio europeo

A colaboración entre as universidades de Vigo e do Bajío dáse tras a viaxe a México dos profesores Daniel Prieto e Gustavo Peláez na busca de intercambios e proxectos de cooperación con centros académicos ao outro lado do charco o pasado mes de outubro. “O noso principal obxectivo é a internacionalización e que mellor que facelo da man dunha universidade con gran prestixio europeo. Queremos colaborar para intercambiar tecnoloxía, información, coñecementos e experiencias que contribúan a un crecemento mutuo e a lograr melloras no plan de estudos que beneficie ao alumnado. Aínda non sabemos o alcance que van a ter os acordos que asinemos, pero a tecnoloxía avanzou moito e non é necesario estar en Vigo para estudar nesta universidade ou en Querétaro para estudar na nosa”, recordou Paulo de Arondo, reitor dunha universidade nacida en 1993 coa idea de formar de xeito integral ao estudantado fomentando a participación virtual para que non teña que renunciar a súa actividade laboral.

Unha simbiose estratéxica para o Campus do Mar

Para a Universidade de Vigo establecer lazos con México supón unha oportunidade de internacionalización para o Campus do Mar, que trata de dar un paso máis aló de Europa e de establecer “simbioses estratéxicas con ese país ademais de con Brasil, Chile, China e Canadá”, apuntou Mato. Mentres, para a Universidad del Centro de Estudios Superiores del Bajío supón aproveitar o potencial no campo das enxeñarías de Vigo e ampliar a súa oferta académica, xa que nestes intres só teñen licenciaturas.