DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sesión extraordinaria do Consello de Goberno

Enxeñaría da Enerxía e Ciencias Ambientais, os títulos máis novidosos propostos para o curso 2010/2011

A Universidade incrementou un 4% a matrícula con respecto ás mesmas datas do curso anterior

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 24/07/2009

Por 20 votos a favor, dous en contra e unha abstención, os membros do Consello de Goberno, en sesión extraordinaria, aprobaron este venres 12 novas propostas de títulos de grao adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior para a súa implantación no curso 2010/2011.
A decisión sobre as novas denominacións adiárase no pasado Consello de Goberno trala controversia xerada pola transformación da licenciatura en Física ao Grao en Ciencias Ambientais. José Luis Legido e Humberto Michinel, coordinadores dos mestrados en física aplicada e fotónica e tecnoloxías do láser, así como o director do Departamento de Física, José Peleteiro, e o decano da Facultade de Bioloxía, Pedro Pablo Gallego, foron convidados, xunto ao voceiro de Nova Universidade, a esta sesión extraordinaria para manifestar o seu desacordo coa creación do novo título.

Posturas enfrontadas

Os responsables dos mestrados de física abriron o turno de debate. Legido e Michinel mostráronse preocupados pola supresión da licenciatura en Física e lamentaron o agravio que esta decisión implica para os investigadores que traballan neste ámbito na Universidade de Vigo. José Peleteiro terciou ao denunciar irregularidades no procedemento de aprobación desta proposta que conta coa oposición maioritaira do Departamento de Física Aplicada da Universidade e que de saír adiante suporía un forte investimento en novo profesorado.
Pola súa banda, o decano de Bioloxía fixo lectura dun manifesto aprobado pola xunta de facultade no que se trasladaba a preocupación do centro pola reforma de graos no ámbito científico. Pedro Pablo Gallego, que considera “ineludible a supresión desta titulación á vista do escaso número de matriculados”, solicitou a creación dunha comisión que avalíe as posibilidades “reais” de transformación fóra da creación dun novo título no campus de Ourense. Unha alternativa valorada por Nova Universidade a través do seu voceiro Jaime Cabeza, quen manifestou o malestar do grupo por certas eivas detectadas no procedemento seguido para a proposta de novas titulacións e que se manifestan no caso da Enxeñaría en Enerxía e o Grao en Ciencias Ambientais propostos polas xuntas de facultade dos centros correspondentes.
O antigo decano da Facultade de Ciencias, Juan Carlos Mejuto, saíu o paso das críticas ao recordar os “graves problemas que sofre a licenciatura en Física”, recordando que a proposta de creación do Grao en Ciencias Ambientais veu motivada por unha comisión allea e posteriormente ratificada ao abeiro das propostas de grao realizadas por outras universidades galegas e confirmadas pola Consellaría de Educación da Xunta de Galicia. Neste contexto, puntualizou Mejuto, “ábrese unha posibilidade de manter a competitividade do campus de Ourense e de evitar o peche dunha das súas titulacións. O novo grao permitirá reconvertir a boa parte dos físicos e constitúe unha oportunidade imaxinativa para que o campus ourensán albergue unha titulación única no Sistema Universitario de Galicia e que capte a un elevado número de alumnos”.
Xa no peche, Alberto Gago recordou o “dereito de cada un dos centros da Universidade de Vigo para pensar no seu futuro” e que “cada unha das xuntas de titulación é libre e responsable de traballar na elaboración das novas propostas de grao do xeito máis conveniente para ela”.

O ámbito tecnolóxico aposta pola creación dunha Enxeñaría da Enerxía

Moi distinto é o caso da proposta dunha nova titulación en Enxeñaría da Enerxía, promovida conxuntamente polos centros do ámbito industrial da Universidade de Vigo. Un grao que aproveita as sinerxías do campus vigués e incrementa a oferta de titulacións do ámbito no marco do Espazo Europeo de Educación Superior.

Outras titulacións propostas na rama de enxeñaría e arquitectura

Os restantes 11 graos propostos enmárcanse dentro do ámbito científico. Trátase, respectivamente dos graos en enxeñaría forestal, enxeñaría agrícola, enxeñaría dos recursos mineiros e obras subterráneas, enxeñaría técnica de telecomunicación, enxeñaría química industrial, enxeñaría electrónica industrial e automática, enxeñaría eléctrica, enxeñaría en tecnoloxías industriais, enxeñaría en organización industrial e enxeñaría mecánica (compartida, esta última, pola Escola Naval de Marín ademais das Escola Universitaria e Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais). Segundo Carmen García Mateo, vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea,“a elaboración das memorias case todas elas está moi avanzada. No caso dalgunhas titulacións, o proceso de exposición pública vai dar comezo axiña”.
No conxunto, o reitor valorou os acordos adoptados na sesión como “moi beneficiosos para a Universidade, a pesar de non ter a certeza do que vai acontecer no Consello Galego de Universidades”, convocado para o vindeiro luns e do que depende a última decisión.

Incremento no número de matriculados

Unha vez pechada a primeira chamada á matrícula nas titulacións con límite de prazas, os datos amosan un incremento do 4% con respecto ao mesmo período do curso anterior. Os números son especialmente positivos en titulacións como Enxeñaría de Minas, Tradución Interpretación, na rama español-inglés, ou Publicidade e Relacións Públicas, titulacións que teñen xa todas as prazas cubertas para o vindeiro curso.
Estes datos foron valorados positivamente polo equipo de goberno, dende onde se apuntou que confirman as boas cifras de preinscritos en primeira preferencia, onde xa se producira un incremento dun 8% con respecto ás cifras do ano anterior, “o que demostra que a oferta educativa da institución é interesante”, apuntaba Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais. Area xustifica o incremento no número de matrículas no “esforzo que se está a facer para difundir a oferta da Universidade por todos os centros de ensino secundario galegos e pola xeración de noticias de enorme relevancia coma a construción do primeiro picosatélite galego ou ser a primeira universidade de fala hispana en participar en iTunes U”, se ben insiste en que haberá que agardar a que se pechen todos os prazos para facer valoracións.
Xunto a estas titulacións que xa completaron todas as prazas, hai outras que están a piques de facelo e apenas contan con prazas dispoñibles para o segundo chamamento a matrícula, que terá lugar á vindeira semana. No caso de titulacións coma Mestre en Educación Primaria, no campus de Ourense; Mestre en Educación Infantil, no de Pontevedra, e Dereito ou Enfermaría (Meixoeiro) en Vigo, contan nestes días con menos de dez prazas vacantes.
Este foi tamén o primeiro curso que se fixo un chamamento masivo á matrícula por Internet, unha chamada que non caeu en saco roto entre os estudantes. Dos 2230 matriculados esta semana na Universidade de Vigo, 1392 fixérono por Internet mentres que 838 se decantaron pola versión tradicional e acudiron ás secretarías dos respectivos centros. Por campus, foi Pontevedra onde máis interese espertou a automatrícula en liña, opción que empregaron 512 dos 539 matriculados. En Vigo, onde se matricularon 1232 estudantes, e Ourense, con 459, os resultados estiveron máis igualados, se ben, a cifra de matriculados en liña foi en ambos casos lixeiramente superior.