DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Colaboran dende 2001 en proxectos para mellorar a competitividade do sector

Enxeñaría Forestal e o Clúster da Madeira seguen camiñando da man a prol da investigación

Asinaron un convenio para potenciar a formación, o I+D+i e a inserción laboral dos novo profesionais

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 21/01/2013
Noemí Rey | Vigo
Unha sinerxía coa que potenciar a formación, a investigación e a inserción dos novos profesionais no mundo empresarial. Esa é a finalidade do novo convenio asinado pola Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo co Clúster da Madeira de Galicia, unha iniciativa enmarcada nas actuacións previstas no Plan Estratéxico AVANT 2012-2015 do clúster e a través da que se facilitará a mobilidade de alumnado e corpo investigador e que dará acubillo a diferentes actividades académicas, como cursos, conferencias ou seminarios.

Unha clara aposta polo I+D+i que “facilitará a cooperación coas empresas galegas de transformación da madeira para realizar proxectos de innovación, desenvolvemento empresarial e investigación tecnolóxica”, como destacou Carlos Baso, subdirector da Escola. Este novo convenio de colaboración suporá, ademais, a posta en marcha de programas conxuntos de formación teórica e práctica e dun programa de prácticas en empresas para o estudantado da Universidade de Vigo, ofrecendo unha primeira experiencia laboral no sector.

Máis dunha década de colaboración

Con este convenio vén a reforzar a cooperación entre as empresas da madeira e a Universidade de Vigo e dá continuidade a un gran número de proxectos en común nos que traballan dende a posta en marcha do clúster no ano 2001 e que conta coa participación principal dos grupos de Economía da Empresa, Organización Industrial e Tecnoloxía da Madeira da Escola de Enxeñaría Forestal. Un traballo en equipo que se remonta aos primeiros pasos do Clúster da Madeira, xa que a Universidade de Vigo foi a encargada de facer o estudio da cadea empresarial da madeira en Galicia e de crear e constituír o propio grupo.

Dende hai máis dunha década, ambas as dúas institucións colaboran tamén na especialización dos titulados en Enxeñaría Forestal cun programa teórico e práctico dentro das propias empresas nos que colaboran os grupos de investigación de Organización Industrial e de Tecnoloxía da Madeira da Universidade de Vigo. Destacable tamén é o proxecto Benchwood, co que avaliar comparativamente produtos, servizos, procesos de traballo, “indicadores e boas prácticas para o lanzamento de plans de mellora continuada nas empresas de transformación da madeira, desenvolvido en colaboración co grupo GIO de Enxeñaría Forestal”.

Máis de 50 empresas e 26.000 postos de traballo

Creado en 2001, o Clúster da Madeira agrupa a 50 empresas e outros axentes vinculados á cadea de valor da madeira de toda Galicia. O seu principal obxectivo é dinamizar a industria madeireira a través da posta en marcha de proxectos de desenvolvemento empresarial de interese común para todos os sectores que participan na transformación da madeira. A comunidade galega conta cunha industria madeireira pioneira no desenvolvemento de produtos a nivel nacional e internacional, así como con empresas que un verdadeiro referente en deseño e innovación neste campo.