DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Enxeñaría Forestal forma expertos en linguaxe binaria para o manexo de maquinas de control numérico

O mercado laboral demanda profesionais con este tipo de formación teórica e práctica

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Iolanda Fernández DUVI 08/05/2013
Tallar círculos, liñas diagonais e figuras complexas tridimensionais en madeira é posible grazas a unha máquina de control numérico que traduce á linguaxe binaria o deseño a realizar. Dende o curso académico 2011/12 o alumnado da Escola de Enxeñaría Forestal está a traballar con esta máquina, de dimensións e características propias da docencia, para formárense neste eido e acceder ao mercado laboral nas mellores condicións posibles.

“As empresas demandan cada vez máis profesionais que saiban do manexo práctico da maquinaria que teñen nas súas instalacións. Achegar os alumnos e alumnas ao funcionamento e utilidade de ferramentas coma esta é un complemento indispensable para o grao en Enxeñaría Forestal”, asegura o técnico en Deseño Asistido, Luis Torres. A adquisición desta máquina de control numérico responde, en gran medida, a esta necesidade de adaptar os coñecementos teóricos e prácticos do alumnado ás esixencias do mercado.

Ademais disto, dende a escola resaltan o interese e expectación que esperta esta ferramenta entre o seu potencial alumnado. “É todo un reclamo á hora de facer visible ante a sociedade e os futuros universitarios e universitarias o grao que se imparte neste centro”, comenta Torres. Con todo, o seu nicho de mercado atópase principalmente nos ciclos de formación superior vinculados co sector do moble.

Software de deseño

A metodoloxía de traballo empregada por esta máquina de control numérico é relativamente sinxela e intuitiva. O alumno ou alumna debe deseñar, coa axuda dun programa informático, o proxecto a realizar. Logo disto, debe ser quen de traducir esa idea á linguaxe binaria a través dunha serie de comandos que lle indicarán á máquina que movemento debe facer e en que dirección. É precisamente esta fase a que centra boa parte dos esforzos do profesorado da Escola de Enxeñaría Forestal xa que “os alumnos e alumnas deben saber programar en código binario”, salienta Torres.