DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salustiano Mato e Abel Caballero asistiron ao acto

Enxeñaría Industrial gradúa preto de 400 alumnos e alumnas que elixiron a escola para especializarse

O centro ofrece para este curso 8 mestrados profesionalizantes e 3 de investigación

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 03/09/2010

Preto de 400 alumnos e alumnas elixiron o curso pasado a Escola de Enxeñaría Industrial para ampliar os seus estudos a través dalgún dos 11 mestrados que ofrece o centro. Moitos deles recolleron esta tarde os diplomas que acreditan a ampliación da súa formación nun acto que contou coa asistencia, entre outras personalidades, do reitor, Salustiano Mato, e o alcalde, Abel Caballero, que non dubidaron en felicitar aos novos egresados por seguir formándose “en sectores económicos claves para o país”, tal como subliñou o reitor.

Os mestrados profesionalizantes da nova Escola de Enxeñaría Industrial dan resposta a unha necesidade de formación universitaria específica que, segundo se apuntou dende a dirección da escola, “ata estes momentos non se estaba a ofrecer en Galicia”. Así o manifestaron tamén os propios egresados, moitos deles profesionais xa da industria que buscaron nestes cursos completar unha formación técnica universitaria adquirida previamente.

Acompañados por numerosos familiares e amigos, os alumnos e alumnas dos sete mestrados que hoxe recollían os seus diplomas sentíronse tamén arroupados por un compañeiro de profesión, Gabriel González, director de Operacións de BorgWarner Spain & Portugal que impartiu a conferencia O activo máis importante, a través dos que relatou os seus 24 anos de experiencia profesional, tempo no que tivo a oportunidade de coñecer de preto diferentes sectores, dende a automoción, a súa especialidade, ata a naútica de recreo. Como consellos "adaptarse ao entorno e aproveitar todas as oportunidades", "ter visión e liderato" e, sobre todo, "darlle moita importancia ao máis importante: as persoas".

11 propostas para cubrir as necesidades da industria

Os primeiros en recoller os seus diplomas foron os alumnos e alumnas do Máster en Contaminación Industrial: avaliación, prevención e control, seguidos polos de Direccción e xestión da loxística e da cadea de suministro, duás opcións que pechan agora a súa primeira edición. Despois foi a quenda para os que cursaron o mestrado en Enerxía e Sustentabilidade, que acadou xa a súa 3ª edición, e, a continuación, os egresados en Enxeñaría da Edificación e Construcións Industriais, que o ano pasado acadou a cifra de 76 matriculados. O apartado de mestrados profesionalizantes completouse co alumnado do Máster en Prevención de Riscos Laborais e Tecnoloxías e Procesos na Industria do Automóbil.

A estes mestrados hai que sumar un Máster de Investigación en tecnoloxías e procesos avanzados na industria no que o ano pasado se matricularon 43 alumnos e alumnas.

Enerxía, Edificación, Loxística, Automoción, Contaminación... son parte dunha oferta que se completa co Máster en Enxeñaría da Soldadura e o de Tecnoloxías Avanzadas de Procesos de Diseño e Fabricación Mecánica que este ano bota a andar xunto a dúas novas propostas de carácter investigador (enxeñaría química e enxeñaría térmica).