DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Durante estes 20 anos téñense titulado e pasado pola escola máis de 800 enxeñeiros

Enxeñaría de Minas presume de “bo estado de forma” na celebración do seu 20 aniversario

Oferta educativa, investigación e inserción laboral de titulados demostran a boa saúde do centro

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 22/06/2012
É un dos catro centros que existen en España e único en Galicia. A Escola Técnica de Enxeñaría de Minas e, máis concretamente esta titulación, commerou este venres o seu 20 aniversario cun acto no que se puxo de manifesto o “bo estado de forma” do centro e dos estudos que nel se imparten. Así o destacou o seu director Pedro Arias durante o acto e así o fixeron sentir o resto de participantes, sobre todo, os máis de 80 enxeñeiros e enxeñeiras titulados das últimas cinco promocións que asistiron a esta celebración para recoller as súas insignias de enxeñeiros de minas. Son unha parte representativa dos 254 titulados dos últimos cinco cursos e dos máis de 800 profesionais formados no centro dende que botou a andar a titulación no ano 1992 ao abeiro da Escola de Enxeñería Industrial.

Autoridades, docentes, titulados e familiares compartiron un intre de festa no que houbo moitas felicitacións e agradecementos. Foi tamén momento para botar un ollo ao pasado e facer revisión do presente e dos retos futuros. Cunha oferta educativa “aceptada e acertada” na que “os graos ofertados amosan unha elevada demanda, sempre superior á oferta”, o director da ETSE de Minas, Pedro Arias, fixo tamén fincapé na progresión constante do centro no eido da investigación, “como demostra o feito de que a escola ten dous dos departamentos con maior volume de recursos captados por actividades de I+D na Universidade de Vigo en 2011 e o segundo posto acadado a nivel nacional no último ranking I-UGR na disciplina de enxeñaría civil, así como un terceiro posto no campo das ciencias dos materiais”.

Inserción laboral por encima da media

Con inevitables referencias á difícil situación económica na que se atopa o país e convencidos de que a única vía para saír a flote “debería ser o mérito e a capacidade” Arias subliñou “estamos dispostos a render contas á sociedade” para o que esixiu “un trato xusto, leal e igualitario”, en referencia a evitar desigualdades entre universidades e campus no Sistema Universitario Galego.

“A escola, que hoxe celebra o 20 aniversario da titulación de Enxeñaría de Minas, debe mirar a súa historia con satisfacción e o seu futuro co compromiso de multiplicar as achegas realizadas”, subliñou o reitor, Salustiano Mato, que suxeriu como principal reto do centro para os próximos anos “converxer co horizonte europeo para 2020 nos ámbitos estratéxicos da educación e da enerxía sostible”. Ao seu carón, a delegada da Xunta en Vigo, María Jose Bravo, que lles lembrou aos novos profesionais que a súa inserción laboral está por riba da media “polo que tendes, non máis sorte, senón sobre todo, máis oportunidades”. Tamén a este aspecto se referiu a concelleira de Economía, Patrimonio e Educación, Raquel Arias, e o decano do Colexio de Enxeñeiros de Minas do Noroeste, Juan José Fernández Díaz, que lles lembrou que “tendes moitos campos nos que traballar e estades moi ben formados, confiade en vós mesmos e seguro que chegaredes a bo porto”.

En clave positivo interviú tamén o vicepresidente da Fundación REPSOL, César Gallo Erena, “unha persoa coñecedora das fontes enerxéticas como ningunha outra”, subliñou o reitor. Encargado de impartir a lección maxistral, na que disertou sobre a eficiencia enerxética como obxectivo prioritario de I+D, Gallo Erenea animou aos profesionais da enxeñaría a participar no fondo de emprendedores da Fundación Repsol, “un proxecto no que poden participar todos aqueles que teñan algo que dicir en temas de eficiencia enerxética” e grazas ao cal cada ano se financian cinco proxectos para participar nun proceso de incubación empresarial.

Entrega de insignias e diplomas

Ademais de insignias e de diplomas conmemorativos aos egresados das cinco últimas promocións, a escola recoñeceu tamén aos mellores expedientes de cada promoción, galardón que recolleron Inés Sobrino, Susana Lagüela, Patricia Durany, Manoel de la Fuente e Anxo Regal. Doutra banda, distinguiuse tamén o labor dos que foron elixidos mellores profesores: José Fernández Seara, Leandro Rafael Alejano Monje, David Patiño Vilas, Eduardo Liz Marzán e José Benio Vázquez Dorrío.

Recoñeceuse a agradeceuse tamén ás empresas e asociacións colaboradoras coa ETSE de Minas “cos que temos unha débeda case permanente”, subliñou Pedro Arias. En total recolleron diplomas máis de vinte firmas, entre elas o Centro Tecnolóxico AIMEN, o clúster do granito, Cámara Mineira e a Asociación Galega de Áridos.