DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Enxeñaría en Organización Industrial cumpre 25 anos con boa saúde e alta demanda

É a especialidade que máis enxeñeiros industriais achega ao tecido empresarial galego

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Sara Alcázar DUVI 14/04/2010

A Enxeñaría en Organización Industrial goza dunha estupenda saúde aos seus 25 anos, sendo unha das especialidades en Enxeñaría Industrial con maior demanda en Galicia, tanto por parte do alumnado como do mercado laboral, e a que máis enxeñeiros industriais achegou ao tecido empresarial galego dende que botou a andar. Así o expresou o vicerreitor de Planificación, José Cidrás, durante o acto de presentación do 25 aniversario da Enxeñaría en Organización Industrial, celebrado este mércores no Edificio Miralles. Segundo apuntou Carlos Prado, director do grupo de Enxeñaría de Organización e coordinador do programa de actos, “son máis de 1000 os alumnos que saíron ao mercado laboral ao longo destes 25 anos”, o que reflicte o éxito desta especialidade, “na que os titulados non atopan serias dificultades á hora de colocarse no mercado laboral, a pesar dos tempos complicados que corren” afirmou Prado. Nesta mesma liña se manifestaron o director da ETS de Enxeñeiros Industriais, Luis Piñeiro e o director da EU de Enxeñaría Técnica Industrial, Carlos Vivas, que salientaron “o gran futuro que teñen estes estudos”, facendo referencia ao alto índice de matriculados e as posibilidades de saídas profesionais que ofrece.
Por outra banda, José Cidrás resaltou o compromiso do alcalde Abel Caballero para instaurar un día conmemorativo á figura dos enxeñeiros industrias “co que a escola acadaría un merecido recoñecemento social do seu labor nos 109 anos da súa implantación en Vigo”

Presentación dos novos graos de Enxeñaría Industrial

A celebración do 25 aniversario da Enxeñaría en Organización Industrial coincide coa adaptación dos plans de estudo ao EEES. Por este motivo, o vicerreitor de Planificación e os directores de ambas escolas aproveitaron a ocasión para presentar os novos graos que se implantarán a partir do curso 2010-2011, entre os que se atopan Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais; Organización Industrial; Eléctrica; Mecánica ; Electrónica Industrial e Automática e Química Industrial, todos eles de catro anos de duración, “o que supón un punto intermedio con respecto ás actuais titulacións de tres e cinco anos” indicou Cidrás.
No referente á oferta de mestrados, o eido da enxeñaría industrial ofrece 11 opcións; Enerxía e Sustentabilidade; Enxeñaría da Edificación e Construcións Industriais; Enxeñaría en Soldadura; Prevención de Riscos Laborais; Tecnoloxías e Procesos na Industria do Automóbil; Contaminación Industrial: avaliación, prevención e control; Enxeñaría Química; Tecnoloxías Avanzadas de Procesos de Deseño e Fabricación Mecánica; Enxeñaría Técnica; Investigación en Tecnoloxías e Procesos Avanzados na Industria; e Dirección e Xestión da Loxística e a Cadea de Suministro.
Segundo apuntaron Piñeiro e Vivas, as novas titulacións repartiranse entre a Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Industrial e a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais, unha situación que, en verbas de ambos directores, “mudará dentro de pouco coa implantación da futura Escola de Enxeñaría Industrial, froito da fusión entre ambos centros, o que suporá unha nova organización das titulacións”.

Xornadas técnicas e culturais para celebrar o 25 aniversario

Para celebrar o aniversario da especialidade, a ETS de Enxeñeiros Industriais ofrecerá unha programación cultural e académica, composta por cinco xornadas, “na que destacan as charlas impartidas por ex alumnos da especialidade, hoxe profesionais, nas que compartirán as súas experiencias laborais nos diferentes sectores nos que traballan” indicou Prado. A primeira das xornadas, titulada O Enxeñeiro de Organización Industrial: Perfil Polivalente, terá lugar o 28 de abril e nela participarán diferentes personalidades do sector para discutir sobre a figura do enxeñeiro en Organización Industrial e as súas saídas profesionais. O 11 de maio celebrarase a segunda das xornadas baixo o título Os Enxeñeiros da Organización Industrial na Produción e a Loxística, tras a que se producirá un parón a causa dos exames e o período estival, retomando a celebración da programación durante os meses de outubro e novembro, coincidindo co inicio do novo curso.
Por outra banda, a actuación do grupo La Franga, este xoves ás 13.50 horas na entrada da E.T.S. de Enxeñeiros Industriais, dará o pistoletazo de saída á programación cultural, na que se contemplan diferentes actividades como obradoiros, un concurso de fotografía e concertos organizados en meses temáticos.
Toda a información detallada e actualizada sobre a programación pode consultarse nos perfís de Facebook e Tuenti creados para a ocasión baixo o título 25 años Organización Industrial Vigo e no enderezo electrónico gio@oe.uvigo.es.