DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo monográfico elaborado pola ETSET

Enxeñaría de Telecomunicación, unha carreira con saída laboral en tempo de crise

Os enxeñeiros tamén amosan un alto grado de satisfacción co traballo desenvolvido

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Lucía Costas DUVI 21/11/2008
Unha taxa de ocupación do 96,14% e un alto grado de satisfación co traballo desenvolvido son dúas das conclusións dun estudo sobre a situación laboral dos enxeñeiros de telecomunicación en Galicia, elaborado polo Observatorio Galego da Sociedade da Información conxuntamente coa ETSE de Telecomunicación e co apoio do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galiza. O informe, que é a culminación dun proxecto que permitirá un maior achegamento á realidade profesional do sector TIC, é resultado da realización de 285 enquisas electrónicas, entre os meses de febreiro e maio de 2008, a titulados en Enxeñaría de Telecomunicación. O obxectivo do estudo céntrase no coñecemento de determinadas cuestións socioeconómicas, laborais, profesionais, formativas, de índice de satisfacción e expectativas profesionais.
Rafel Juanatey, subdirector xeral da Sociedade da Información, destacaba na presentación que “a pesar da actual crise laboral, o colectivo de enxeñeiros goza de practicamente, pleno emprego con tan só un 3,5% de desocupación”. Ademais engadía que a maior parte traballa por conta allea, nunha situación estable e de satisfacción, así mesmo “estamos sendo cada vez máis demandados pola Administración Pública”, asegurou Juanatey.
A situación actual na ETSE de Telecomunicación é favorable, “tras unha un par de anos de declive estase a estabilizar a demanda de matrículas, con tendencia ao aumento”, subliñaba o director Xosé María Pousada. Futuros universitarios observarán a través deste estudo a existencia dunha carreira con saída profesional inmediata e asegurada, pois nel revélase que o 90,53% dos enquisados atoparon traballo nos seis meses seguintes a licenciarse.
O estudo forma parte dunha serie de monográficos de carácter divulgativo realizados por grupos de expertos para o Observatorio Galego da Sociedade da Información, co obxectivo de achegar este coñecemento á sociedade galega. “Estes resultados axudarán á caracterización do perfil actual do enxeñeiro de telecomunicación na nosa comunidade e complementarán á vez outros proxectos que se están a desenvolver de maneira conxunta, co fin do beneficio do sector e a profesión”, sinalaba Ricardo Fernández, secretario xeral do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.

Datos polo miúdo

O informe estructúrase en 44 bloques temáticos distribuídos en sete capítulos xerais. No primeiro deles recóllense as características demográficas da mostra. No segundo expóñense aspectos formativos, destacando que un 96,14% estudiou en Vigo e que unha gran maioría atopan pouca relación entre coñecemento e xestión e dirección (93,33%) e coñecemento e esixencia laboral (67,37%); ademais o 65,7% completou a súa formación coa realización dun máster, terceiro ciclo ou outra titulación, e un 93,3% opta polo autoaprendizaxe como xeito de afrontar a actualización dos seus coñecementos.
A situación laboral é analizada no seguinte apartado, no que se publica que un 93,1% dos enxeñeiros de telecomunicación manteñen unha relación contractual a tempo completo e a súa estabilidade laboral é elevada, cun 65,3% de contratos indefinidos. Ao tempo, un 61,1% están empregados nunha compañía que pertence ao sector TIC.
O cuarto e quinto punto abranguen aspectos específicos do traballo por conta propia e por conta allea. Neste senso, o perfil profesional que predomina caracterízase polo exercicio da profesión por conta allea (86,7%) e por desenvolver maioritariamente a súa actividade laboral no sector privado (66,8%).
Co obxectivo de completar a panorámica deste sector profesional, o informe aborda tamén cuestións relacionadas coa satisfacción profesional e a percepción da situación actual. O 87,7% califícano como moi ou bastante satisfactorio e case a metade dos enquisados (45,6%) pronostican un panorama de estabilidade nos próximos dous anos e un 41,7% opina que a situación mellorará.
Para rematar, baixo o título de Mirando ao futuro, ofrécese unha reflexión de interese para os futuros titulados froito da opinión manifestada polos enxeñeiros enquisados.