DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sergio Montoro, fundador de KnowGate, interviu na Escola Superior de Enxeñaría Informática

De enxeñeiro a emprendedor, unha transformación posible

A iniciativa enmárcase dentro da celebración das xornadas Iniciador Galicia e do XX aniversario da E

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 29/09/2011
O enxeñeiro Sergio Montoro creou en 1999 en Madrid unha empresa chamada KnowGate con outros tres socios. Viviron a eclosión da burbulla tecnolóxica, estiveron a piques de pechar coa súa caída en 2003 e como empresa de subcontratación esquivan a crise económica. Pola súa experiencia persoal de dar o paso de enxeñeiro a emprendedor e tamén como blogueiro de tecnoloxía en lapastillaroja.net, Montoro ofreceu este xoves unha conferencia na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense no marco das xornadas Iniciador Galicia e do XX aniversario da ESEI.

Durante a súa intervención, o relator explicoulles aos asistentes o caso concreto da súa empresa e das súas experiencias recollidas no blog lapastillaroja.net. “Un enxeñeiro, neste caso un enxeñeiro informático, pode perfectamente ter visión de negocio e emprender un proxecto. E se non a ten pode xuntarse cun equipo de xente que si a teña e el centrarse no que realmente é bo”, destacou. Na súa opinión, a clave para iniciarse como emprendedor é a paixón polo que se fai e a aposta decidida por facelo. “O importante é non quedarse a medias. Queres emprender? Faino ou non o fagas, pero non o intentes”, advertiulle aos enxeñeiros e futuros enxeñeiros.

Outro dos erros de negocio sobre os que Montoro chamou a atención dos presentes é o de primar unicamente o desexo de ofrecer algo novo e de utilidade á sociedade ou o reto intelectual. “Unha empresa existe por un motivo económico. Ten que ser rendible”, advertiulles. De todos os xeitos, aclarou, isto non implica facer só cousas que o mercado demande senón que é importante que os emprendedores exploren as súas capacidades e ofrezan á sociedade produtos no que eles son bos e acheguen algo diferente.

Estas experiencias como emprendedor e como enxeñeiro plásmaas a diario no blog lapastillaroja.net, nado ao carón do libro co mesmo nome de Juantomás García e Alfredo Romeo. Nel, Sergio Montoro afonda nos usos sociais da tecnoloxía tendo como referente o software libre como base ideal sobre a que construír o futuro da sociedade. Unha experiencia que, ao igual que a de emprendedor, resultou especialmente interesante para o alumnado da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, onde se imparte un Máster en Consultoría de Software Libre.