DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A escola é a única de España acondicionada para facer estes estudos a grande escala

Enxeñeiros forestais definen para ENCE Huelva os períodos de secado óptimo do eucalipto

Dúas semanas serían o tempo idóneo de almacenamento para a súa nova planta de biomasa

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 29/07/2011

De Huelva a Pontevedra. Este é o percorrido que as pacas de eucalipto recollidas por ENCE Huelva realizan ata a Escola de Enxeñaría Forestal do campus co obxectivo de definir o punto de secado óptimo para ser empregadas na futura caldeira de biomasa da planta, que será a máis grande de España. Os investigadores Raquel Dopazo, Luis Ortiz e Daniel Vega foron quen de establecer o tempo necesario de almacenamento do material tendo en conta os niveis de humidade e de temperatura da provincia, “estimando que dúas semanas é o período de tempo máximo de secado para a contorna de Huelva”, explica o profesor Ortiz.

Como conclúen os investigadores, nos primeiros sete días de secado as pacas de eucalipto perden un 15% de peso, maioritariamente auga, “traducíndose no punto de humidade de equilibrio idóneo, pois deixalas secar máis tempo non sería rendible xa que a posible redución de líquido non compensaría o tempo empregado”. Chegaron a esta conclusión tras realizar predicións do comportamento deste tipo de material en diferentes situacións. Para o cálculo, simularon as condicións meteorolóxicas da provincia andaluza en dúas cámaras de secado, estipulando nunha a temperatura de 30 graos e un 50% de humidade no aire e, na outra, 25 graos e 40%, ademais de colocar mostras á intemperie e baixo teito “para contrastar o grao de realidade dos resultados das cámaras que parten dunhas condicións simuladas”.

Unha vez comparados os tres tipos de secado, demostraron que os parámetros manexados son moi similares ao clima real, o que lles permitiu aos investigadores avanzar no establecemento dun proceso de modelización futura “que delimite un espazo idóneo no que se van a mover o grao de humidade e a velocidade de perda de peso”. Deste xeito a xestión e os períodos de almacenamento das pacas de eucalipto “veranse mellorados evitando os procesos de fermentación que incluso poden provocar incendios nos grandes montóns acumulados”.

Óptimas instalacións

A Escola de Enxeñaría Forestal do campus foi a escollida por ENCE Huelva para este estudo porque “é o único centro de toda España con instalacións preparadas para acoller pezas de eucalipto de 2 metros de lonxitude e de 650 quilos de peso, converténdonos nun gran laboratorio cunha excelente planta piloto de secado”, explica Luis Ortiz.

Tras realizar as probas con eucalipto cortado en período de verán, “nestes momentos estamos inmersos na análise das pacas de Huelva cortadas en inverno, o que supón realizar o mesmo estudo con outras condicións meteorolóxicas”. Dado o esforzo e o tempo dedicado para establecer as bases dun modelo de secado, a intención é “darlle continuidade ao estudo definindo períodos de secado óptimo para outros materias e para outras localizacións, como por exemplo para a planta de Navia”, conclúe Ortiz.