DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha mesa redonda celebrada na primeira xornada do X Foro Tecnolóxico de Emprego

Enxeñeiros e pilotos reivindican o papel fundamental dos titulados universitarios na competición automobilística

Presentada a colaboración entre o grupo de investigación Cima e o equipo Fórmula Cafés Arume

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Sara Alcázar DUVI 22/03/2010
A automoción orientada á competición preséntase coma un destacado un nicho de emprego para os enxeñeiros, un campo que nos derradeiros anos está a despuntar e no que estes titulados e tituladas xogan un papel fundamental. Así o expresaron expertos no eido da enxeñaría e recoñecidos pilotos de competición a nivel nacional durante a mesa redonda que, baixo o título A Enxeñaría no mundo da competición, celebrouse este luns na ETS de Enxeñaría Industrial na primeira xornada do X Foro Tecnolóxico de Emprego, que se desenvolverá ata o xoves na ETS de Enxeñeiros de Minas.
Carlos Casqueiro, profesor da Área de Mecánica da ETS de Enxeñaría Industrial, foi o encargado de introducir o coloquio afondando na importancia da enxeñería no mundo da competición automobilística, onde os titulados e as tituladas xogan un papel fundamental como integrantes dos equipos técnicos. Casqueiro definiu este sector como un nicho laboral “con moito movemento a nivel nacional", mentres que en Galicia, os enxeñeiros poden atopar algunhas dificultades á hora de dedicarse profesionalmente á competición automobilística. “Isto débese a que esta práctica non está moi estendida debido á falta dun circuíto, ademais de que as competicións galegas son todas de montaña ou rallies, onde a utilidade das tecnoloxías que proporciona a enxeñaría é máis limitada” argumentou Casqueiro. A pesar destes datos, o profesor de Mecánica animou ao alumnado a introducirse no mundo da competición, augurando éxito aos que “teñen interese e desexan converter unha afección na súa profesión”. Pola súa banda, os pilotos Luis e Javier Santana, competidores na Copa León durante os anos 2005 a 2008, salientaron a importancia do labor dos enxeñeiros no eido da competición para a organización e interpretación dos datos técnicos na carreira. Segundo apuntou Javier Santana, “a figura do enxeñeiro nótase moito no desenvolvemento e análise dos automóbiles, o que despois se nota na pista”.

A comunicación entre pilotos e enxeñeiros, fundamental

A mesa redonda tamén contou coa presenza do enxeñeiro industrial Francisco Garrido, que trasladou aos asistentes as súa experiencia profesional na alta competición, que adquiriu ao cursar o Máster METCA Epsilon Euskadi.
Segundo as verbas de Garrido, “o entendemento entre os pilotos e os enxeñeiros é fundamental para o bo funcionamento do equipo na competición”. A interpretación dos datos e a súa organización son algunhas das tarefas que os enxeñeiros deben asumir cando o piloto, que actúa coma un “sensor preciso”, transmite ao enxeñeiro as sensacións que experimenta durante a condución, “pero que non expresa en valores numéricos” indicou Garrido. Por este motivo, tanto o enxeñeiro como o resto dos pilotos participantes destacaron a importancia dunha boa comunicación entre ambos, “o que fai que a pilotaxe sexa máis doada” manifestaron os pilotos.

Colaboración entre a Universidade e o equipo Cafés Arume

Ao abeiro da mesa redonda, tivo lugar a presentación da colaboración entre o grupo de investigación Cima, que o propio Casqueiro dirixe e o equipo Fórmula Cafés Arume, “co que mantemos unha relación moi estable, estando presentes nas carreiras e nas xornadas de test para intentar evolucionar o coche no que podemos”, manifestou o profesor. O traballo do grupo Cima, que Casqueiro desenvolve xunto ao alumnado dos derradeiros cursos de enxeñaría, ten como obxectivo introducir aos estudantes no eido da competición, “por se máis adiante poden adicarse a esto a nivel profesional”.
Pola súa banda, o piloto do equipo Fórmula Cafés Arume, Vicente Viéitez, salientou a importancia desta colaboración para a mellora das prestacións do bólido co fin de intentar acadar os primeiros postos no Campionato Galego de Montaña 2010, “unhas melloras que sen a axuda da Universidade non poderiamos asumir” expresou o piloto.
Despois da presentación, os asistentes ao acto puideron contemplar un dos bólidos empregados polo equipo Cafés Arume, exposto á entrada do centro.