DUVI

Diario da Universidade de Vigo

14 profesionais da lingua galega despiden as aulas a ritmo de gaita

Enxeñeiros de telecomunicación e filólogos en lingua galega comparten nervios e emocións nas súas graduacións

O alcalde Abel Caballero felicita aos 75 novos enxeñeiros de telecomunicación

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 25/06/2010

Estudaron titulacións moi distintas e os seus futuros profesionais non terán nada que ver pero este venres filólogos e enxeñeiros compartiron nervios e emocións nos seus respectivos actos de graduación. Arroupados por numerosos familiares e amigos os catorce alumnos e alumnas da promoción 2005-2010 da Licenciatura en Filoloxía Galega e os 75 das tres titulacións da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación viviron unha xornada na que os recordos da carreira se mesturaron coa ilusión de acadar o futuro laboral desexado.

Foi unha xornada de agradecementos para pais, “polo seu apoio incondicional e a súa paciencia infinita”, e profesorado “pola formación recibida”, pero tamén de consellos, sobre todo por parte dos docentes que non dubidaron en subliñarlles que o fundamental é afrontar o futuro sen medo, con decisión e coa seguridade de achegarse ao mundo laboral co respaldo dunha titulación universitaria e unha formación académica de calidade. Así, coincidiron en salientar que os momentos de crise económica adoitan tamén ser momentos de oportunidades e animaron aos novos profesionais a ser constantes, porque o esforzo sempre ten recompensa.

Domingo Docampo volve exercer como padriño na EE de Telecomunicación

Na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación foron tres os padriños pois tamén eran tres as titulacións que se graduaban. O exreitor Domingo Docampo repetiu experiencia e volveu exercer como padriño nesta ocasión dos 27 alumnos e alumnas da vixésimo primeira promoción en Enxeñaría de Telecomunicación; o profesor Fernando Obelleiro dos 22 novos graduados da quinta promoción de Enxeñaría Técnica de Telecomunicación, espec. Sistemas de Telecomunicaión e Ignacio Alonso dos 26 da especialidade de Son e Imaxe.

O vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, profesor da escola; a directora do centro, Edita de Lorenzo e o alcalde Abel Caballero, tampouco desaproveitaron a ocasión para felicitar aos novos titulados. Todos fixeron fincapé na importancia que teñen as telecomunicación no mundo actual “nos móbiles, na televisión, na radio, en internet, nos videoxogos, nos hospitais, nos medios de transporte...”, lembrou a directora da escola, un centro “do que debedes estar moi fachendosos”, insistiu o alcalde en relación á brillante traxectoria da escola, lembrando proxectos coma o do Xatcobeo ou o feito de que sexa a sede europea dunha rede mundial de nanosatélites.

14 defensores da lingua apadriñados por Xosé Bieito Arias

O profesor Xosé Bieito Arias foi o encargado de apadriñar aos novos licenciados en Filoloxía Galega, pero el non foi o único que compartiu con eles estes intres. A directora do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, Camiño Noia, e o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, profesor tamén deste departamento e director da Área de Normalización Lingüística ata asumir o cargo de vicerreitor, estiveron tamén presentes no acto, ao igual ca decana da facultade, a profesora Rosa Pérez e os profesores Alexandre Rodríguez e Gonzalo Navaza

Todos insistiron na difícil situación pola que está a atravesar a lingua galega polo que os animaron a ser axentes de cultura e de normalización da lingua “facede normal o que levades na cabeza e no corazón”, insistiulles o vicerreitor, ao que Camiño Noia engadiu, “o galego precisa de xente coma vós profesionais formados e preparados para defendelo con forza e argumentos académicos”.
Cunha agrupación folclórica amenizando o acto o padriño da promoción acolleu os seus afillados regalándolles varios consellos, entre eles, un básico que non convén esquecer: respectade as ideas dos demais e esixide o mesmo respecto para a vosa maneira de vivir.