DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo colaborará co CERN para crear un acelerador máis pequeno que aforre enerxía

Enxeñeiros vigueses construirán o prototipo do primeiro acelerador compacto de partículas de terceira xeración

Encargaranse do estudo de materiais, da análise da superficie e da fabricación de compoñentes de alt

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 21/12/2011

É un dos centros de investigación máis importantes do mundo, con científicos de máis de 220 institucións entre o seu persoal, entre eles da Universidade de Vigo. Agora a institución viguesa ampliará esa colaboración coa sinatura dun convenio co European Organization for Nuclear Research, o CERN, para dar un paso máis no avance tecnolóxico e construír un prototipo do que será o primeiro acelerador compacto de partículas de terceira xeración, de menor tamaño, máis barato e que permita un importante aforro enerxético. Trátase de demostrar de xeito experimental que a teoría do Compact Linear Collider (CLIC), o acelerador lineal compacto, é axeitada “e que pode levarse á práctica”. “O CERN non está parado, ten que estar sempre deseñando novas tecnoloxías pensando no que vai pasar dentro de algúns anos”, explicou Steinar Stapnes, responsable do proxecto no CERN, para quen “o intercambio con estudantes da Universidade de Vigo está dando moi bos resultados”.

Co 90% do seu cadro de persoal formado por enxeñeiros, a Escola de Enxeñería Industrial será a que maior partido saque a este convenio co que Vigo se incorpora a un grupo formado por 43 institucións de 21 países distintos para tratar de demostrar a viabilidade do CLIC. A Universidade viguesa será a encargada de colaborar nas áreas do estudio de novos materiais, da análise de superficies, na fabricación de compoñentes metálicos e mecánicos de alta precisión, nos controis de calidade das estruturas ao longo de todo o proceso de construción e ensaio, dos estudos de resistencia e do control de suministros. “Para nos este acordo é importantísimo dende o punto de vista da formación dos noso alumnado. A EE Industrial leva colaborando co CERN dende o ano 2008, axudando a que estudantes e egresados prosigan co seu aprendizaxe nesta institución. A experiencia foi boa e deu os seus froitos”, recordou Asunción Longo, vicerreitora de Investigación.

No CERN fálase galego

A Universidade de Vigo xa é unha experta en ter a estudantes traballando no CERN. Con catro persoas alí ata hai pouco, nestes intres a enxeñeira de Minas Ana Teresa Pérez Fontenla xa está contratada para desenvolver o seu labor no novo prototipo. Con só tres universidades españolas colaborando, “é un privilexio poder mandar aos nosos enxeñeiros ao CERN. Agora hai que mellorar de forma continua, afrontar os retos e merecernos a confianza que depositaron en nós”, argumentou o reitor Salustiano Mato. Os impulsores desta iniciativa son Pedro Merino, catedrático de Enxeñería dos Materiais na Universidade de Vigo, e Carlos Pajares, delegado científico en España do CERN en España, para quen “Galicia debe aproveitar as oportunidades que ofrece esta entidade de retorno tecnolóxico e científico”, sobre todo pensando nun nicho de mercado que “vaise duplicar nos vindeiros 5 ou 10 anos”.

Curso piloto

O nivel de formación é tan alto e a dirección do CERN está tan contenta que Vigo será unha das tres universidades españolas que participa a partir de marzo nun curso piloto de formación que podería pasar a aplicarse ao resto de países. Máis de 30 persoas poderían especializarse en enxeñería de materiais, de electrónica... nunha iniciativa que remataría cunha estancia de tres meses no CERN en Suiza para formación complementaria. Todo un imán de oportunidades. “No 2013 o gran acelerador vai estar parado para verificar que todos os imáns que rodean as cavidades supercondutoras están en condicións de aguantar un aumento de enerxía para a colisión do acelerador. Para iso vaise necesitar un reforzo de enxeñeiros e técnicos e parte do persoal podería ser galego”, salientou Pajares.