DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Prepara un Plan Estratéxico para converterse nun centro “de referencia, moderno e eficiente”

Enxeñería Industrial deseña o seu futuro coas miras postas no 2020

A folla de ruta estará lista en seis meses e tentará contar coa opinión de todas as forzas vivas da

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 30/09/2011

Aproveitar a recente e complexa fusión como revulsivo tanto interno como de cara á sociedade. Con esa idea é coa que a nova Escola de Enxeñería Industrial quere ter listo en seis meses o seu primeiro Plan Estratéxico, unha ferramenta coa que marcar a ruta a seguir durante os vindeiros anos feita dende a reflexión “do que se vai facer, quen o vai levar a diante, en que prazos e con que recursos se van contar”. “É fundamental que a sociedade perciba que a Universidade non está nunha torre de marfil, senón que está para servir e axudar. Se formamos a bos profesionais as empresas terán unha maior garantía de supervivencia. Debemos superar vellos esquemas e unir esforzos”, recoñeceu Juan Pou, director do centro. A Cátedra Unesco da Universidad Politécnica de Catalunya será a encargada de deseñar un plan que quere contar coa máxima participación posible dos diferentes sectores da escola para ter un modelo “con ollos e cara listo para a vindeira primavera e cunha perspectiva trazada ata o 2020”.

Con esta folla de ruta preténdese “multiplicar” a potencialidade dun centro xurdido trala suma da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais e a Escola Universitaria de Enxeñería Industrial que aglutina a 5000 alumnos e medio millar de docentes en dous sedes. O “buque insignia da Universidade de Vigo” é o segundo centro en tamaño de todo o Sistema Universitario de Galicia (SUG) tras Medicina, “que só terá futuro se conta co Sergas e deseña un plan estratéxico para ter unidades docentes en distintos sitios”, resaltou o reitor vigués Salustiano Mato. “O tempo máis que difícil é imposible, tanto economicamente como pola incerteza, pero imos aproveitar cada oportunidade que nos poida brindar o escenario onde nos movemos. É complicado conseguir recursos, por iso debemos adiantarnos e non facer as cousas a correr porque nos obriguen as normativas”, subliñou.

Centro de referencia a nivel estatal

O futuro do centro está en mans dos responsables do 70% dos plans estratéxicos das universidades españolas e de outras institucións estranxeiras, que queren deseñar unha folla de ruta cuns 10 obxectivos a lograr a longo prazo combinando seis liñas mestras: as persoas, dende o persoal docente ou laboral ata o alumnado, egresados incluídos; a adecuación da oferta formativa; o coidado da investigación e da innovación dirixida ao tecido empresarial; a proxección internacional a través de alianzas estratéxicas; a optimización e racionalización dos recursos e un modelo de xestión eficiente “acorde cos novos tempos”.

Partir dun proxecto é fundamental porque “sen el as cousas poden facerse, pero improvisando e desaproveitando recursos”, explicou Joan Cortadella, da Cátedra Unesco. O seu traballo nos vindeiros meses será concretar os obxectivos estratéxicos e operativos a acadar, definir as accións a seguir e marcar responsables, indicadores, metas e calendarios, sempre tendo en conta os recursos dos que se dispoñen. Para acadar o éxito, o futuro plan estratéxico deberá estar “ben estruturado, coa máxima participación posible das forzas vivas da institución, ben executado e ben avaliado, sen disfrazas as cousas” por se hai que revisar e cambiar cousas ao longo do camiño. Aínda que o máis importante desta planificación estratéxica “máis que empezar a aplicalo é mantelo porque a contorna cambia”, apuntou Xavier Llinas.

A familia, fundamental

O proceso para converter a Escola de Enxeñería Industrial nun “centro de referencia, moderno e eficiente” terá como eixo central ás institucións, ás empresas e, sobre todo, ás familias, “as que dan as mellores bolsas e as que nestes tempos de crise sosteñen a educación superior”, recalcou Pou.