DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A FFT acollerá o 25 e 26 de setembro un congreso internacional pioneiro no mundo

O epicentro do debate sobre a interpretación das mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero sitúase na Universidade

O simposio é o colofón ao proxecto europeo SOS-VICS de formación de intérpretes no ámbito do maltrat

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 03/09/2014

300 persoas, entre profesionais, académicos e académicas e alumnado, daranse o cita os vindeiros 25 e 26 de setembro na Universidade de Vigo no I Congreso Internacional SOS-VICS, Construír pontes de comunicación no ámbito da violencia de xénero, no que se abordarán os problemas, retos e melloras na comunicación coas mulleres estranxeiras que sofren violencia de xénero en España. Este simposio multidisciplinar, que acollerá non só a visión dos e das profesionais da interpretación, senón tamén a das persoas que diariamente atenden ás vítimas e superviventes deste tipo de delitos, é o primeiro centrado en violencia de xénero e interpretación que se celebra no ámbito internacional.

A realización deste congreso corre en paralelo ao proxecto SOS-VICS, Speak Out for Support, no que participan nove universidades españolas, coordinadas por Vigo, co obxectivo de mellorar a formación de intérpretes no ámbito da violencia de xénero, facilitando así a asistencia ás vítimas e contribuíndo á concienciación sobre a necesidade de contar con profesionais da interpretación na realización deste labor. “Trátase do resultado natural de dous anos de traballo intensísimo que aínda non rematou”, explica Maribel del Pozo coordinadora o proxecto e profesora do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo, que explica que o obxectivo das sesións “é reunir a persoas de diversas disciplinas para sentarnos e falar da comunicación como unha ferramenta para garantir os dereitos dalgunhas das vítimas e superviventes máis vulnerables, as estranxeiras, que en ocasións son tamén vítimas de múltiples delitos, como a trata de persoas ou a explotación sexual ou/e laboral”.

A Facultade de Filoloxía e Tradución será o escenario do congreso, que estará precedido o 24 de setembro da celebración do obradoiro Unha voz para as sen voz: técnicas para interpretar o trauma nos servizos de atención a vítimas de violencia de xénero a cargo de Marjory Brancroft, experta en formación de intérpretes que traballan con vítimas de tortura, trauma de guerra e violencia sexual. “Bancroft dirixe a organización sen ánimo de lucro The voice of love, que realiza un traballo extraordinario que permitiu avanzar na investigación sobre como mellorar a interpretación lingüística con persoas que teñen que contar cousas moi duras que afectan a súa intimidade e incluso a súa seguridade”, explica Del Pozo, que asegura que “debemos ofrecer apoio e formación aos e ás intérpretes que teñen que narrar en primeira persoa noutra lingua as agresión, humillacións e torturas que padeceron terceiros, posto que está demostrado que ten un impacto psicolóxico moi forte sobre eles”.

Experimentados relatores no trato con vítimas de violencia de xénero

Marjory Brancroft será tamén unha das protagonistas, desta volta o 26 de setembro, dunha das dúas plenarias que conforman o congreso, mentres que a outra, a do día 25, correrá a cargo de Erik Hertog, experto internacional en formación de intérpretes para traballar nos servizos públicos, como foi o caso dos formadores de intérpretes nas diversas linguas sudafricanas que participaron nas audiencias para a Comisión da Verdade e da Reconciliación en Sudáfrica trala caída do apartheid.
O congreso completarase con 11 relatorios a cargo de académicos e académicas da interpretación de EE.UU., Bélxica e España; profesionais especializados na interpretación con vítimas de xénero e trata de persoas chegados de Reino Unido, Irlanda e Canadá e profesionais especializados en interpretación remota de España e da República Checa; así como con dúas mesas redondas nas que participarán expertos no ámbito médico- social, como a Fundación Ana Bella e da Rede de Mulleres contra o malos tratos de Vigo e no xudicial- policial, como o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, Francisco Javier Vieira e o profesor de Medicina Legal da Universidad de Granada, Miguel Lorente.

Durante os dous días ao longo dos que se prolongará o congreso tamén se presentarán os materiais que o proxecto SOS-VICS desenvolveu ao longo dos seus dous anos de vida como un manual para intérpretes sobre interpretación en contextos de violencia de xénero, unha guía de boas prácticas para profesionais que traballen con intérpretes, unha plataforma web e un vídeo informativo multilingüe dirixido a vítimas estranxeiras de violencia de xénero.

“SOS-VICS é xa un ser vivo”

O que iniciaba en outubro de 2012 a súa andaina como un proxecto piloto é hoxe, segundo Maribel del Pozo, “un ser vivo que naceu a partir da vontade de traballo e mellora de centos de persoas que se comprometeron cos seus obxectivos de xeito desinteresado”. Financiado nun 80% polo Programa Xustiza Penal da Unión Europea e na parte restante polas institucións socias, SOS-VICS finalizará oficialmente en outubro deste ano, momento a partir do que a súa continuidade dependerá de futuras convocatorias. A coordinadora do proxecto ten claro que “sería unha pena desperdiciar a fabulosa rede profesional e académica que se teceu entorno a esta iniciativa liderada pola Universidade de Vigo”, a partir da que foi posible a creación de materiais de formación sobre a interpretación en violencia de xénero, así como un intenso labor de sensibilización entre os e as profesionais que atenden a vítimas estranxeiras, para que sexan conscientes da importancia de contar con intérpretes cualificados e especializados, “xa que actualmente”, explica Del Pozo, “permítese a contratación de calquera a través de macro-empresas de tradución, coas consecuencias que iso conleva”.

A formación de intérpretes e de profesionais da xudicatura, avogacía, policía, traballo social, psicoloxía, medicina, así como de asociacións e ONG para aprender a traballar con intérpretes, sería, segundo Maribel del Pozo, o seguinte paso que tería que dar o proxecto, que no ano 2013 recibiu o recoñecemento da Delegación do Goberno en Canarias polo labor realizado contra a violencia de xénero.