DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As preguntas máis frecuentes teñen que ver coas técnicas para mellorar a calidade do estudo

En época de exames as consultas ao Gabinete Psicopedagóxico aumentan nun 30%

As posibilidades académicas e laborais da titulación son outra das demandas dos estudantes

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Raquel Feijóo DUVI 21/06/2010

Clases, apuntes e horas de biblioteca enchen as horas do alumnado ao longo do curso académico nun percorrido ao que deben dedicar esforzo e unha boa dose de tesón se queren superar con éxito os estudos. O mes de xuño é tamén o mes dos exames e nesta época son moitos os estudantes que sofren de moito nerviosismo e estrés ante o temor de enfrontarse a unha proba na que deberán plasmar todo o aprendido ao longo do ano. Angélica Ferro, responsable do Gabinete Psicopedagóxico do campus, sabe moi ben do sentir destes mozos e mozas nesta época ao comprobar como o seu departamento ve aumentado nun 30% o número de persoas que o utilizan con consultas que teñen que ver, fundamentalmente, coas técnicas concretas para mellorar a calidade do estudo que realizan. As posibilidades laborais e académicas que se lle abren ao alumnado ao finalizar a carreira son outra das demandas que se repite diariamente no gabinete.
Explica Angélica Ferro que a cantidade de estudo, é dicir, as horas que os estudantes dedican diariamente a este labor, é un factor facilmente controlable “pero non ocorre así coa calidade, que está moi relacionada cos resultados que obteñen finalmente”, declara.

A clave do éxito está nunha boa organización

A psicopedagoga cre que o erro que se soe cometer con máis frecuencia é a falta de planificación ou unha mala posta en práctica da mesma e por iso aconsella “unha boa organización, xa que é un punto clave para acadar o éxito académico”. Dosificar o esforzo e ir afianzando o aprendido, resolver dúbidas con tempo suficiente, consultar varios documentos e utilizar o sistema de titorías son algúns dos consellos que lles da aos usuarios do seu servizo, “posto que incrementan a seguridade coa que o estudante se enfronta ao momento de demostrar os coñecementos que adquiriu durante o curso. Cando estamos seguros controlamos con máis facilidade outras variables que poden estragar o noso esforzo como a ansiedade e o insomnio”, asegura.
As técnicas de estudo son, na súa opinión, outra das grandes aliadas do alumnado en época de exames. Segundo explica, “ningún atracón a noite antes do exame permite obter un nivel de comprensión máis profundo do que se consegue estudando regularmente”. Moitos estudantes comproban que a súa ansiedade ante os exames diminúe cando empezan a estudar mellor ou máis regularmente. “Ten sentido, xa que canto mellor se saben a materia máis seguros se senten e esperan facelo mellor”, afirma.

Optar pola opción que máis lles atraia

Outra das demandas expostas a diario no gabinete é a que ten que ver coas posibilidades académicas que se lle abren ao alumnado cando remata a súa titulación. Nesta liña Angélica Ferro explica que, coa implantación do Plan Boloña, a información que se lle proporciona aos estudantes céntrase nos mestrados para resolver despois a demanda cunha busca individualizada na que o estudante tamén participa. Nunha contorna de crise económica que afecta ás saídas profesionais dos estudos, o consello básico que se lles da aos estudantes “é que opten pola opción que máis lles atraia en canto á temática, porque o feito de escoller un campo que lles guste incrementa a motivación e mellora o esforzo e os resultados que se acadan finalmente”, asegura.

Máis actividades formativas e divulgativas

O Gabinete Psicopedagóxico creouse no ano 2008 co obxectivo de ofrecer axuda de tipo académica e persoal ao alumnado do campus de forma presencial, permanente e preventiva. Os destinatarios do servizo son os estudantes de todas as titulacións xa que, aínda que posúen unha formación específica diferente, “as similitudes en canto ao tipo de consultas que realizan son moi habituais”, segundo a responsable do departamento. Angélica revela que neste terceiro ano de implantación do gabinete o número de alumnos e alumnas que o utilizan multiplicouse por catro, uns datos que, na súa opinión, “ofrecen unha idea da necesidade deste tipo de axuda aos estudantes”. Dende o gabinete tamén se poñen en marcha actividades individuais e grupais, unha liña na que se seguirá apostando en vindeiros anos. Nas palabras da psicopedagoga, “cremos na importancia de seguir organizando actividades formativas e divulgativas de prevención en temas de gran importancia na xuventude e en ámbitos como a saúde, a seguridade viaria e a educación afectivo-sexual”, declara.