DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alfonso Ussía, xornalista e escritor convidado ao ciclo de conferencias da Cátedra Álvarez Ossorio:

“En época de liberdade, na prensa estableceuse a censura empresarial”

Despois de traballar en todo tipo de medios, prefire o xornal antes que a radio ou a televisión

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 26/04/2012

A pesar da eliminación do Real Madrid este mércores nas semifinais da Liga de Campións, confesou sentirse conforme “porque a liga será un bo consolo”. O coñecido xornalista e escritor Alfonso Ussía foi o novo convidado ao ciclo de conferencias da Cátedra Almirante Álvarez Ossorio, promovida conxuntamente pola Universidade de Vigo e a Escola Naval Militar. Ussía, que na actualidade combina o seu traballo de columnista no diario La Razón co de colaborador na cadena Cope, tivo uns minutos para compartir co Duvi a súa experiencia profesional e achegar a súa opinión sobre a situación actual da prensa española.

Na Universidade de Vigo fórmanse futuros profesionais do sector da comunicación, como xornalista de longo percorrido, que consellos lle daría?
Esta profesión é un enigma aínda sen resolver xa que grandes xornalistas non son xornalistas e estupendos estudantes de xornalismo logo non foron bos xornalistas. Así como hai arquitectos que rematada a carreira xa fan proxectos formidables, é moi difícil que un xornalista, saído da facultade, se converta nun profesional admirable. Necesítanse horas para ir adquirindo experiencia e é preciso ir tocando todas as teclas. O que pasa é que estamos ante unha profesión apaixonante na que nunca se cae na monotonía.

Que avaliación fai da situación da prensa española neste momento?
A prensa española estao a pasar mal e coido que dentro de pouco acabará sendo 50% papel, 50% novas formas. Non obstante, non creo que desapareza o papel como nunca vai desaparecer o libro, pero sinceramente en Madrid sobrevivirán catro xornais, El Mundo, El País, ABC e La Razón e os dous últimos acabarán uníndose. O futuro da prensa é de restrición e á censura oficial dos tempos do franquismo súmase agora, cando hai plena liberdade, a censura empresarial. Hai empresas que solo admiten que os seus traballadors opinen sobre o que elas queren, polo que se estableceu un segundo tipo de censura aínda máis ridícula que a anterior. Polo tanto, hai liberdade de expresión, pero non hai exercicio desa liberdade porque algunhas empresas así o impiden.

Traballou en prensa, radio e televisión. Con cal se queda?
Por riba de todo, prefiro a prensa. Gústame a radio e horrorízame a televisión. Sinceramente, non me gusta a televisión, vinme unha vez nunha gravación e borreime. Espántame; saio moi antipático e non son natural, ademais de que é un medio inhumano, pois estás metido nunha especie de cámara de tortura con 18 focos que te cegan. A televisión é moi molesta e antipática de facer, non me gusta nada.

Tamén é creador de personaxes humorísticos, considera que axudan a representar a realidade que nos rodea?
Eu creei personaxes humorísticos para a radio, nun programa marabilloso con Luis del Olmo, Antonio Mingote, Tip… Este tipo de creacións, como o Marqués de Sotoancho ou o doutor Gorroño serven para caricaturizar mellor a situación, facéndoo con moita máis liberdade xa que non es ti quen o está dicindo, senón outro individuo e iso a xente agradéceo.

Que ideas quere trasladar ao público asistente coa súa conferencia La última generación de poetas golfos y nocherniegos?
Na época triste da posguerra reuníanse os poetas bohemios de Madrid, na que non existían gañadores nin vencidos. Todos tiñan a mesma necesidade e xuntábanse pola noite para dicirse unhas cousas moi duras. Pero era unha xeración, constituída por moitos poetas e todos moi enxeñosos, con perspectiva literaria e unha gran cultura e iso desgraciadamente xa non se dá. Agora pode saír un poeta illado porque os sistemas de educación nestes momentos en España impiden que haxa xeracións de poetas como a do 27. É lamentable pero é así.

A semana pasada, o Rei de España foi tema de actualidade pola súa polémica viaxe á Botswana. Un monárquico como vostede, que valoración fai das desculpas públicas de Don Juan Carlos?
O rei pediu desculpas porque a situación nestes momentos é moi mala hai moita xente que non o está pasando ben. Coido que foron desculpas que lle saíron do corazón pero persoalmente eu non tivera pedido perdón de ter sido o rei. Primeiro que se desculpen todos os políticos de todo o que incumpriron e logo xa me desculparei eu.