DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o libro “Vigo, de la antigua ciudad amurallada al casco viejo actual” de Alejandro Martínez

Equilibrio arquitectónico, urbanístico e social, claves na rehabilitación do Casco Vello

O autor da publicación é encargado da Unidade Técnica da Universidade

Etiquetas
  • Vigo
Ana Terceiro DUVI 29/07/2008

A súa paixón polo Casco Vello levou a Alejandro Martínez, un dos encargados da Unidade Técnica da Universidade de Vigo, a publicar un libro sobre as posibilidades de rehabilitación que ten esta zona da cidade e que, segundo o autor, debe amosar “un equilibrio social, urbanístico e arquitectónico, sen permitir a múltiple consecución de atropelos aos que se someteu durante os últimos anos”. Vigo, de la antigua ciudad amurallada al casco viejo actual, realiza un recorrido pola historia do Casco Vello vigués, desde os seus inicios ata o futuro que se aveciña, con programas de intervención e convenios asinados con diferentes administracións. Ademais, un dos eixos fundamentais sobre o que se sustenta o autor é o feito de que é necesario un previo recoñecemento da conformación arquitectónica e construtiva desta zona que, segundo Martínez, posúe “un especial significado xa que cada lugar representa un legado herdado dos nosos antecesores para o gozo xeral de todos nós”.
Ao longo da publicación, os lectores descubrirán os atractivos e encantos que tiña este antigo recinto histórico, como as casas mariñeiras de frontería lisa, as de solaina e soportal, as vivendas burguesas de dous ou máis pisos e as casas nobres, amplamente ornamentadas. Do mesmo xeito afondarán no gran dano que sufriu todo este patrimonio e nas súas posibilidades de rehabilitación, sobre o que o autor explica que, “aínda quedan moitas marabillas para conservar e restaurar”. Martínez amósase optimista sobre as expectativas de futuro cara a conseguir a restauración integral do Casco Vello da cidade, “xa que existen novos convenios aprobados a través de diversas administracións”.

A historia do Casco Vello en sete capítulos

Vigo, de la antigua ciudad amurallada al casco viejo actual estrutúrase en sete capítulos, dos que os tres primeiros céntranse en realizar unha descrición de como os factores históricos, económicos e fisiográficos determinaron a situación, a conformación e o desenvolvemento da cidade. No cuarto epígrafe, o autor detalla os diversos pasos evolutivos, tanto urbanísticos como sociais, que levaron ao Casco Vello ao seu aspecto actual. Xa no capítulo cinco, Alejandro Martínez fai un repaso á arquitectura, onde procura “buscar unha sistematización dos diferentes estilos construtivos, englobándoos en tipoloxías claramente diferenciadas”. Ademais, neste apartado enuméranse os principais ataques sufridos polo patrimonio histórico, describindo unha serie de patoloxías construtivas xeneralizables para a maioría das construcións estudadas.
O que restaría da publicación sería a segunda parte do libro, moito máis práctica e na que se expoñen varios exemplos de intervención no Casco Vello que o Concello de Vigo realizou a través do programa URBAN, así como unha selección de sete vivendas representativas dentro do total de 47 reformas efectuadas.