DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con elas participará en xullo en Valencia na XtraChallenge 2023

O equipo de aeromodelismo UVigo Aerotech remata o deseño das súas novas aeronaves de competición

O proxecto é desenvolvido por 28 estudantes de Enxeñaría Aeroespacial e Enxeñaría Informática

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Emprender
  • Estudantado
  • TIC
  • Estudantes
DUVI Ourense 29/05/2023

O equipo de aeromodelismo da Universidade de Vigo, UVigo Aerotech, xa ten rematado o deseño das súas novas aeronaves, Lign-0 e Mobula-0, coas que participarán en xullo en Valencia na competición española universitaria de aeromodelismo XtraChallenge 2023. 28 estudantes da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense participan neste reto que complementa a súa formación levándoos a afrontar na realidade o deseño, fabricación e voo de aeronaves.  

LIGN-0 e MOBULA-0

LIGN-0 e MOBULA-0, explican desde UVigo Aerotech, foron deseñadas e están sendo actualmente fabricadas con materiais económicos, seguindo a filosofía da competición na que se estrearán, onde se limita o orzamento de fabricación por aeronave a 300 euros. Porén, subliñan, “utilizáronse procesos de enxeñaría moderna como o deseño CAD, a simulación aerodinámica e estrutural ou o mecanizado de diversas pezas, entre outros procesos, que foron posibles grazas ás empresas que colaboran ano tras ano co equipo, a maioría delas do tecido industrial galego”. Lign-0, detallan, é “un dron de á fixa convencional, cunha disposición similar ás aeronaves civís” e Mobula-0 é unha “á voante, cun deseño máis atrevido e que abre un mundo novo de posibilidades e permite explorar novos conceptos a UVigo Aerotech”. Trátanse, sinala, de dúas aeronaves completamente diferentes ás deseñadas e fabricadas anteriormente por este equipo.

O grupo de estudantes que participa no proxecto está dividido en cinco departamentos que traballan coordinadamente. Son os de Electrónica e Control; Propulsión e Dinámica; Aerodinámica; Estruturas e Organización e Márketing. Como novidade, este curso académico puxeron en marcha o novo departamento, o de Investigación e Desenvolvemento, co obxectivo de “desenvolver algunha da tecnoloxía máis punteira da industria aeronáutica, como o voo autónomo, ás flexibles ou machine learning”.

Segundo explican desde UVigo Aerotech, a creación de Lign-0 e Mobula-0 “está servindo aos membros do equipo para adquirir experiencia e coñecemento no desenvolvemento completo dunha aeronave, desde a fase de deseño preliminar ata o período de fabricación, onde se atopa agora mesmo o proxecto”. A previsión é rematar a súa fabricación e realizar as probas en pista de voo as vindeiras semanas e presentalas antes da súa competición en XtraChallenge 2023.

A XtraChallenge na que participarán o equipo da UVigo é unha competición española universitaria de aeromodelismo, concretamente de transporte de carga con drons de á fixa, creada en 2022 por estudantes da Universitat Politècnica de València (UPV), do equipo Xtra2 UPV. A cita xurdiu co propósito de animar ao alumnado estatal a deseñar, construír e pilotar aeronaves radiocontrol desde unha perspectiva de enxeñaría. O certame, que terá lugar do 12 ao 14 de xullo en Valencia, está baseado na Air Cargo Challenge (ACC) na que ten participado o pasado verán o equipo do campus de Ourense.
Desde UVigo Aerotech agradecen a todas as entidades públicas e privadas o seu apoio e colaboración co equipo no desenvolvemento dos seus proxectos, como son a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, Coasa, Mecadis, Gurit, Europrecis, Utingal, Marine Instruments, Altair, o Centro de Investigación, Transferencia e Innovación, o Civil UAVs Initiative, Centum ou RDC Works e Illumnia.

Evolucionando cada curso

A historia de UVigo Aerotech comezou a principios de 2020 na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo de Ourense cunha primeira tempada que rematou co deseño do AZOR-0 e continuou co deseño e fabricación do dron CORV-0, que competiu na Air Cargo Challenge 2022 en Alemaña, considerada unha das competicións interuniversitarias de enxeñaría aeronáutica máis importantes de Europa. Coa experiencia adquirida nestes anos e co reto de continuar mellorando e evolucionando nas técnicas empregadas, UVigo Aerotech afronta esta tempada “cunha plantilla renovada e novas ideas” e cun obxectivo claro: “formar aos novos membros e prepararse para a Air Cargo Challenge 2024, que se celebrará en Aachen, Alemaña, que é onde buscaremos utilizar todo o aprendido para lograr os mellores resultados”.