DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Despois de gañar esta fin de semana ao CB San Pelayo Deportes Caneda

O equipo de baloncesto feminino do campus lidera a liga autonómica

O Campus Ourense Rugby consegue tamén unha destacada vitoria fronte ao Pontevedra RC

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 06/02/2012

as semanas con opcións e este sábado finalmente o Universitario Campus Ourense de baloncesto sénior feminino colocouse líder da primeira división autonómica feminina. As xogadoras que adestra Roberto Rapela gañaron con folgura ás do CB San Pelayo Deportes Caneda e conseguiron porse na táboa por riba do La Salle e do Arxil Mafari Café, os seus inmediatos competidores. A boa fin de semana para o deporte universitario ourensán completouse coa destacada vitoria do Campus Ourense Rugby, que gañou por un contundente 44-0 ao Pontevedra RC no campo de futbol-rugby da cidade das Burgas.

O encontro das xogadoras ourensás contra o CB San Pelayo Deportes Caneda saldouse cun resultado final de 49-72 puntos. Unha clara vitoria, a novena consecutiva do conxunto, que xunto ás derrotas desta fin de semana do La Salle e do Arxil Mafari Café, permitiu ao equipo ourensán encabezar a clasificación con once vitorias e tres derrotas. Ante a proximidade dos seus inmediatos competidores haberá que agardar ás seguintes xornadas de liga para ver se o Universitario Campus Ourense é capaz de manter ese liderado.

Tamén en baloncesto, o equipo sénior masculino non conseguiu pola contra rachar a súa mala sorte e perdeu por un axustado 62-67 puntos contra o Reale Thebes. Deste xeito, os xogadores que adestra Javi Pérez acumulan a súa cuarta derrota consecutiva e sitúanse no posto once na primeira división sénior masculina. Mellor foi a fin de semana para os xogadores júnior masculinos, que se impuxeron 57-61 ao Peleteiro nun disputado encontro que consolida aos ourensáns no oitavo posto da súa categoría.

Contundente vitoria en rugby

Xa en rugby esta fin de semana o Campus Ourense Rugby celebrou a súa destaca vitoria de 44-0 puntos contra o Pontevedra RC, que reafirma o seu bo xogo e o excelente momento polo que está a pasar o rugby universitario ourensán. Ademais o club preparada con moita ilusión un torneo de Rugby 7 nas instalación do Colexio Salesianos para o vindeiro 20 de febreiro, organizado coa Asociación Xuvenil Amencer. A iniciativa contará con categorías base, absoluta e feminina e está aberta a todas as persoas que se animen a participar, cun custe por xogador de 1 euro.