DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As xogadoras derrotaron ás viguesas do Compañía de María por seis puntos

O equipo de baloncesto masculino consegue unha nova vitoria contra o Cruz Alta

O cadro júnior, pola contra, perdeu o partido contra o Caixanova Rosalía de Santiago

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 22/03/2010

Os xogadores de baloncesto masculino conseguiron unha nova vitoria na fin de semana esta vez contra o Cruz Alta, equipo ao que derrotaron por unha diferenza de seis puntos (70-64). O cadro afrontou este novo choque coa confianza e a tranquilidade de ter asegurada a segunda praza da táboa de clasificación e, con ela, as opcións de xogar a fase de ascenso á Primeira División Nacional. Unha realidade que fixo que o enfrontamento se complicara bastante para os xogadores ourensáns que comezaron “moi fríos e confiados” nas palabras do adestrador Javier Pérez. “Os rivais estaban máis motivados ca nós e sorprendéronnos no arranque do partido ata o punto de que chegamos ao descanso perdendo por 12 puntos”, declara. A cousa cambiou na segunda metade cando o equipo decide cambiar a súa táctica de xogo. “Axustamos máis en defensa, xogamos con máis intensidade e concentración e fomos máis ambiciosos” o que lles permitiu gañar o encontro. O vindeiro sábado, 27 de marzo, o conxunto viaxará ata Cambados para xogar contra o Xuventude Baloncesto.

As xogadoras sénior xogarán a fase de ascenso

O equipo de baloncesto feminino, pola súa banda, derrotou ás líderes da categoría, as viguesas do Compañía de María, por unha diferenza de seis puntos (52-46), unha vitoria que lles permite consolidar o segundo posto na táboa de clasificación e xogar a fase de ascenso á Liga Autonómica Feminina que comezará a mediados do mes de abril. O adestrador Roberto Rapela cualifica o encontro de “moi igualado” a pesares de que o cadro rival era un conxunto moi forte que aínda non perdera ningún partido. Segundo explica, “necesitabamos gañar para demostrar que podiamos competir con elas e conseguímolo grazas a unha pequena vantaxe de sete puntos acadada no terceiro cuarto que mantivemos ata o remate do enfrontamento”, declara. As xogadoras do Universitario Campus Ourense volverán á competición o sábado ás 16.30 horas, no pavillón universitario para enfrontarse ao Seis do Nadal.

O Caixanova Rosalía derrota aos xogadores júnior

Partido moi igualado o disputado na fin de semana polo cadro júnior de baloncesto masculino contra o Caixanova Rosalía de Santiago que rematou cun resultado de 66-68 favorable para o cadro rival. O encontro comezou ben para os xogadores ourensáns que conseguiron axiña unha pequena vantaxe de seis puntos. A situación cambiou no segundo cuarto xa que, como explica o adestrador Miguel González, “pagamos non ter suficientes rotacións para o partido, só oito xogadores, e o equipo santiagués escapouse ao descanso con 12 puntos arriba no marcador”. Xa na segunda metade o Campus Ourense Blanco Amor conseguiu remontar a diferenza e empatar o partido, “pero a partir dese empate o Rosalía volveu anotar con facilidade e nós atascámonos no ataque”, unha situación que se repetiu no último cuarto do encontro. Os xogadores tiveron a opción de empatar a falta de cinco segundos pero perderon o balón e non puideron facer un último tiro. O adestrador cre que a clave do choque puido estar “nas numerosas canastas doadas que fallamos baixo o aro e neses minutos nos que non soubemos manter a intensidade na defensa, sobre todo no segundo cuarto”, declara. Os xogadores júnior gozarán dun merecido descanso ata o 11 de abril, data na que se enfrontarán ao Estudiantes de Lugo.