DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vitoria tamén para o cadro sénior feminino que derrotou ás viguesas do San José Guía

O equipo de baloncesto recupera o primeiro posto da liga tras vencer ao CBB Pontevedra

O equipo júnior, pola contra, perdeu contra o Marín por unha diferenza de 19 puntos

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 01/02/2010

O equipo sénior de baloncesto masculino recuperou o primeiro posto da táboa de clasificación despois de vencer ao CBB Pontevedra no partido desta fin de semana. Xa no primeiro cuarto os xogadores de Javier Pérez puxeron moita distancia por medio con 11 puntos de diferenza que aumentaron a 18 no descanso. O adestrador explica que, na segunda metade, o cadro rival aumentou un pouco a intensidade do seu xogo “pero non foi suficiente” o que fixo posible que o encontro rematara cun resultado de 65-46 favorable para os ourensáns. Javier Pérez atribúe este bo resultado ao feito de que o CBB Pontevedra era o último clasificado da categoría “e viñan moi condicionados por esta situación”. O adestrador afirma, xa que logo, que o choque “foi bastante fácil porque eles non estiveron moi acertados no tiro e non opuxeron moita resistencia”. Esta vitoria sérvelles aos ourensáns para recuperar a racha de bos resultados que viñan mantendo en choques anteriores, antes do pequeno tropezo sufrido a pasada fin de semana contra os xogadores de O Meco Santo Ángel contra os que perderon por unha diferenza de oito puntos. O conxunto está xa a preparar o próximo enfrontamento que terá lugar o sábado, 6 de febreiro, en Baiona contra o Baiona Anfaco.

Vitoria das xogadoras sénior contra o San José Guía

Contundente vitoria tamén a conseguida polas xogadoras sénior de baloncesto feminino que esta fin de semana derrotaron ás viguesas do San José Guía por case 50 puntos de diferenza, o resultado foi de 56-104 favorable para o conxunto ourensán. O adestrador Roberto Rapela explica que xa no primeiro cuarto conseguiron romper o partido por case 20 puntos de diferenza, unha distancia que foi determinante e que marcou o desenvolvemento de todo o encontro. Segundo as súas palabras, “foi un choque no que defendemos ben e no que conseguimos anotar con bastante facilidade porque debemos ter en conta que en baloncesto feminino, por cuestións de táctica e de calidade, meter 100 puntos é moi complicado”. O adestrador subliña tamén as condicións físicas das súas xogadoras para explicar o porque da vitoria. Segundo explica, “fisicamente somos superiores en ritmo, velocidade e capacidade para coller rebotes e atacar. É unha cuestión de dinamismo e de intensidade no xogo”, asegura. Na actualidade o combinado ourensán figura na segunda posición da categoría só por detrás das viguesas do Compañía de María. O próximo rival das xogadoras vai ser o Baiona nun partido que se desenvolverá a finais deste mes de febreiro ou a comezos do de marzo.

O Marín derrota ao equipo júnior por case 20 puntos de diferenza

Dura derrota a sufrida polos xogadores júnior de baloncesto masculino que este domingo perdían o partido contra o Marín por case 20 puntos de diferenza (o resultado foi de 56-75 favorable para o cadro rival). O adestrador Miguel González explica que o Marín dominou o choque dende o principio sacando vantaxes de máis de 10 puntos no primeiro cuarto e atribúe esta marxe de diferenza “á superioridade física do seu quinteto titular”. Os ourensáns, pola contra e segundo as súas palabras, “non tivemos acerto en ataque. A pesares de mover o balón con velocidade e de conseguir bos tiros no descanso xa perdiamos por 20 puntos de diferenza”. Xa na segunda metade o conxunto xogou con máis tranquilidade en ataque e mellorou a defensa en media pista “pero non foi suficiente para remontar o partido conseguindo, polo menos, que a diferenza non fose maior”, declara. Na actualidade o equipo ocupa a sétima posición da táboa de clasificación. Os júnior xogarán de novo o vindeiro domingo contra o Ferrol.